Tomiño reforza os servicios municipais con 20 novas contratacións ao abeiro do plan +Provincia
• As persoas incorporadas traballan xa a pleno rendemento en áreas como mantemento, medio ambiente ou benestar social
Infogauda / Tomiño
Tomiño dá un paso adiante na mellora dos seus servizos municipais. O Concello incorporou a 20 traballadores e traballadoras ao cadro de persoal municipal ao abeiro do plan +Provincia, vinte novas contratacións que permiten ao municipio reforzar diferentes departamentos municipais, mellorar o servizo á veciñanza e, ao mesmo tempo, dar unha oportunidade laboral a persoas en situación de desemprego.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a importancia destas novas contratacións tanto a nivel municipal como social. “Estas novas incorporacións non só permiten reforzar e mellorar áreas que precisan máis persoal ou nas que se realizan traballos estacionais, senón que permite incorporar ao mercado laboral a veciños e veciñas na procura de emprego, ofrecéndolles unha experiencia laboral real, digna e útil para o seu futuro”, recalca.
As novas incorporacións abranguen ata oito perfís profesionais diferentes, con contratos a xornada completa de entre seis e nove meses de duración. En total contratáronse 11 peóns de xardinaría, dous peóns da construción, un instalador/a electricista Oficial 1ª, un mecánico/a de mantemento e reparación de automoción Oficial 2ª, un soldador/a de estruturas metálicas lixeiras, especialista, un técnico/a administrativo/a, un traballador/a social e un enxeñeiro/a técnico/a forestal.
Desde o Concello tamén se puxo en valor o labor do persoal municipal que traballa durante todo o ano, “un equipo comprometido, dedicado e profesional, que é esencial para garantir o bo funcionamento dos servizos públicos e que nestas datas ten un papel clave como apoio e guía para que as novas incorporacións poidan adaptarse e comezar con éxito”.
Con esta acción, Tomiño continúa traballando polo fortalecemento dos servizos públicos e polo benestar da súa cidadanía, convertendo as políticas activas de emprego nun motor de dinamización local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario