Máis de 20 mozos e mozas tomiñesas dan o salto ao sector loxístico como operadores de carretilla
• Ante o éxito de convocatoria deste curso da OMIX de Tomiño, o Concello duplicou as prazas desta formación moi demandada que abre portas reais ao emprego xuvenil
Infogauda / Tomiño
A mocidade de Tomiño colle o mando do seu futuro…, desde unha carretilla. Máis de 20 mozos/as participaron nos cursos de operador/a de carretilla organizado dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), unha formación con tanta demanda por parte da mocidade que o Concello duplicou as prazas para atender a todas as persoas interesadas.
Tratouse dun curso teórico-práctico que dotou ao alumnado das competencias necesarias para traballar de maneira segura e eficiente no manexo de carretillas elevadoras, dentro de sectores en auxe como a industria, a loxística e o comercio. Ao remate deste curso de 20 horas, o alumnado obtivo un título homologado oficial, que o habilita para acceder a postos como operador/a de carretillas, mozo/a de almacén, auxiliar de reposición, preparador/a de pedidos ou operario/a de loxística, entre outros.
“Desde a OMIX non só queremos ofrecer espazos creativos ou de ocio alternativo para a mocidade, senón tamén ferramentas reais para abrir portas laborais e construír oportunidades de futuro”, explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. A rexedora recalcou que “formacións como esta son un claro exemplo de como o Concello aposta por unha programación moderna, útil e adaptada ás necesidades da nosa xuventude”.
A formación abordou aspectos clave como o manexo seguro da maquinaria, a normativa vixente, as distintas tipoloxías de carretillas, a seguridade laboral e as técnicas de carga e descarga. Ademais das clases teóricas, o alumnado realizou probas prácticas que lle permitiron poñer en práctica os coñecementos adquiridos nunha contorna realista.
“Cada vez contamos con máis participación de mozos e mozas de entre 16 e 25 anos, cousa que antes era máis difícil. Un interese que nos anima a seguir traballando para ofertar cursos de calidade, difíciles de atopar na contorna, e que se traducen nunha oferta creativa, diferente e moi ben acollida pola mocidade de Tomiño e da comarca”, afirmou o concelleiro de Mocidade e Lecer, Agustín González.
O curso de operador/a de carretilla é só un exemplo da liña de traballo da OMIX de Tomiño, que combina actividades de lecer, formación técnica e orientación laboral co obxectivo de acompañar á mocidade no seu desenvolvemento persoal e profesional. A súa demanda demostra non só a necesidade, senón o interese crecente por este tipo de propostas prácticas e certificables.
Ningún comentario:
Publicar un comentario