O Tyde vai participar no Torneo Internacional de Versmold
• O equipo alevín do club tudense debutará mañá no torneo fronte o S.C. Peckeloh II
Infogauda / Tui
Os xogadores e xogadora do equipo Alevín do Tyde F.C., van vivir esta fin de semana unha experiencia única ao participar no Torneo Internacional de Fútbol en Versmold, Alemaña.
Nicolás Abal, Brais Besada, Roi Estévez, Adrián Freiría, Dilan Jesús Gallardo, Roi López, Iker Míguez, Martín Muíños, Nelson José Zambrano, María Pumar, Iván Urgal, Francisco Gutierrez e Jason Bautista viaxan cara Alemaña xunto aos seus adestradores Sergio Aballe e Juan Paramos, o responsable da área social do club, Alejandro Pardo, e o presidente do club, David Domínguez, e as súas familias.
Esta mañá, previa á partida, foron recibidos na casa do Concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, sinalou na súa intervención coma a participación do Tyde neste torneo xorde tras a sinatura en 2013 do acordo de irmandade con Versmold, cidade alemá coa que Tui garda relación polos moitos tudenses que emigraron á mesma. Destacou o rexedor coma a participación neste torneo “brinda unha oportunidade única e especial que lembraredes toda a vida”, engadido que lles vai permitir coñecer outros lugares e a xogadores doutros países. Salientou tamén Enrique Cabaleiro o papel do deporte coma elemento de transmisión de valores, de principios,… e de coñecer novas experiencias. Agradeceu ás familias a súa implicación e a promoción da práctica do deporte. Expresou tamén o apoio do Concello a esta iniciativa.
Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, reiterou a aposta do concello por este tipo e eventos, e dirixíndose aos xogadores e xogadora salientou que “van vivir una experiencia moi bonita”.
O presidente do Tyde, David Domínguez, lembrou que dende 2014 os deportistas do equipo poden vivir esta experiencia, destacando que “nos enche de honra acudir en representación do concello de Tui”. Incidía en que “esta é unha experiencia moi especial para o club e para os xogadores”. Alejandro Pardo, responsable da área social do club, expresou que “é un orgullo que teñamos a todos estes nenos e nenas viaxando a Alemaña representando os valores que tentamos inculcar dende pequenos”.
O adestrador do equipo Sergio Aballe, amosou o seu agradecemento a todas as persoas que fan posible a viaxe e o torneo, e dirixíndose aos xogadores explicoulles que esta será unha experiencia que lembrarán toda a vida.
O Tyde F.C. debutará mañá no torneo fronte o S.C. Peckeloh II.
Ningún comentario:
Publicar un comentario