A mocidade tomiñesa coñece as últimas innovacións tecnolóxicas coa Aula CeMIT
• Durante os meses de xullo e agosto organiza un curso de balde no que afondarán sobre impresións 3D, realidade virtual, drons ou robótica
Infogauda / Tomiño
As tecnoloxías disruptivas volven este verán a Tomiño. A Aula CEMIT prepara dous meses cargados de actividades coas que a rapazada terá a oportunidade de explorar e aprender sobre as últimas innovacións tecnolóxicas dun xeito divertido e creativo. Durante os meses de xullo e agosto, a aula impartirá varios cursos para nenos e nenas de 8 a 11 anos e mozos e mozas de 12 a 16 anos.
No camiño por facilitar a conciliación laboral e familiar e ofrecer a infancia e mocidade alternativas de lecer para desfrutar das vacacións estivais, o Concello por en marcha unha nova edición deste curso que “lles permitirá experimentar con tecnoloxías emerxentes e desenvolver competencias relevantes para o mundo actual e futuro, achegándoos a estas innovacións para facer deles e delas cidadás e cidadáns dixitais competentes”, explica a alcaldesa, Sandra González.
Será un curso de balde cunha duración de 10 horas e con diferentes datas e quendas de participación para que as persoas interesadas poidan escoller a que mellor se adapte ás súas necesidades. Así haberá clases as persoas interesadas en participar poderán elixir entre seis quendas diferentes dependendo das idades.
A rapazada de 8 a 11 anos poderá escoller entre as semanas do 7 ao 11 de xullo, do 29 de xullo ao 1 de agosto ou do 18 ao 22 de agosto. Pola súa banda, para o grupo de 12 a 16 anos haberá quendas do 14 ao 18 de xullo, do 4 ao 8 de agosto e do 25 ao 29 de agosto.
As clases serán de luns a venres de 10.00 a 12.00 horas e nelas a rapazada poderá coñecer e achegarse ás novas tecnoloxías deseñando obxectos para logo imprimilos nunha impresora 3D, coñecendo o funcionamento das gafas de realidade virtual, programando un dron que faga voos de maneira automática, aprendendo programación e robótica coa placa Micro:Bit e afondando dos fundamentos da electrónica a través das placas Arduino.
Para obter máis información ou inscribirse as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 640 95 67 14, mandar un correo a cemit.tomino@xunta.gal ou pasar pola aula CeMIT, situada na Aula 2 da Escola Obradoiro, na Avenida Pío Troncoso, de Goián. O horario de atención ao público é de luns a venres de 9.15 a 13.45 horas, ademais dos martes de 16.30 a 20.30 h.
Ningún comentario:
Publicar un comentario