O AECT Rio Minho presenta a renovación da Estratexia Rio Minho 2030
• O encontro reuniu a autoridades dos municipios de ambos lados da Raia
Infogauda / O Baixo Miño
O AECT Rio Minho organizou a xornada “Rio Minho 2030: nova estratexia, novas accións compartidas” co fin de presentar a revisión da Estratexia Rio Minho 2030, recentemente actualizada para adecuarse ao novo cadro europeo 2021-2027. O evento tivo lugar na Escola Superior de Ciencias Empresariais do IPVC, en Valença, o pasado mércores 25 de xuño pola mañá.
Ao encontro, asistiron presidentes das cámaras lusas e alcaldes e alcaldesas dos concellos galegos, así como técnicos municipais co fin de revisar a nova Estratexia. Ademais, durante a xornada tamén foi presentada a 8ª convocatoria do POCTEP 2021-27, un programa cuxo obxectivo é o financiamento de proxectos de cooperación transfronteiriza.
Durante a xornada fíxose especial fincapé sobre a preocupación polo estado do río Miño, a súa calidade ambiental, a súa gobernanza e o seu futuro. Ademais, afianzouse a idea do río como un recurso fundamental e común do territorio transfronteirizo.
A maiores, durante o evento, tiveron lugar diferentes sesións de traballo participativas co fin de traballar sobre os cinco eixos da estratexia: a infraestrutura verde e azul, a gobernanza transfronteiriza, a cultura e a identidade compartidas, a mobilidade sustentable e a economía e o mercado de traballo integrados; sempre desde o punto de vista da importancia do río e afondando nos resultados que xa presenta a propia revisión da Estratexia.
Neste senso, a xornada constituíu un lugar de encontro e un impulso conxunto con vista a dar continuidade ao traballo estratéxico compartido no territorio do río Miño.
O director da AECT Rio Minho, José Manuel Vaz Carpinteira, asegurou pola súa banda que “queremos que esta sexa unha rexión cada vez máis compartida e máis unida” e aseverou que “buscan conseguir que as barreiras burocráticas entre Portugal e España sexan atenuadas”.
Este evento levouse a cabo no ámbito do proxecto REDE_GOV_MINHO, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do POCTEP VI-A 2021-2027.
Ningún comentario:
Publicar un comentario