Tomiño colleita saúde con éxito
• Os obradoiros de cociña saudable en vivo ateigaron o mercado nas últimas semanas, consolidando o programa Impacto Saudable como motor de benestar e calidade de vida
Infogauda / Tomiño
Tomiño está a sementar o benestar entre a súa veciñanza co éxito rotundo das actividades da axenda Impacto Saudable, que ofrece unha programación variada e gratuíta deseñada para mellorar a calidade de vida da veciñanza tomiñesa, especialmente entre as persoas adultas. Nestas dúas últimas semanas os obradoiros de cociña saudable en vivo da man de Tamara Alonso (@dedondesacolasproteinas) ateigaron o Mercado de Tomiño de público aprendendo sobre outra das patas importantes do benestar: ter unha alimentación saudable.
A alcaldesa, Sandra González, subliñou que “o rotundo éxito destas actividades amosa o interese e a implicación da veciñanza para coidar a súa saúde e mellorar os seus hábitos de vida. Para o Concello é unha prioridade seguir promovendo este tipo de iniciativas que fan de Tomiño un referente en benestar e calidade de vida”.
Con iniciativas como esta o Concello avanza na súa estratexia de promoción da saúde e da prevención, unha estratexia que xa o levou a constituír unha mesa intersectorial da saúde que conta coa participación dos diferentes organismos que traballan no sector, así como do tecido social, asociativo e veciñal. Trátase dun espazo de diálogo e colaboración que traballa de forma continua para mellorar o benestar de toda a veciñanza.
O concelleiro de Benestar Social, Rubén García, agradece a todas as persoas implicadas nesta mesa sectorial e en todas as actividades que se están a desenvolver e programar “por colaborar para seguir impulsando a calidade de vida de tomiñeses e tomiñesas. Seguimos traballando, marcándonos retos e obxectivos claros, poñendo en marcha novas campañas e integrando boas prácticas coas que promover a saúde e axudar a previr doenzas aos nosos veciños e veciñas”.
As actividades da axenda Impacto Saudable están cofinanciadas ao abeiro das axudas as entidades locais pertencentes á Rede Española de Cidades Saudables que realicen actuacións estratéxicas, innovadoras e de calidade ao abeiro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no marco do convenio entre o Ministerio de Sanidade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Ningún comentario:
Publicar un comentario