14 de xuño de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aconsella elevar a vixilancia nas viñas e renovar os tratamentos fronte ao mildio 

 O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro aconsella manter a protección fronte ao oídio e permanecer alerta e usar funxicidas nos predios con historial de botrite e black rot


Abundantes manchas novas en follas de Treixadura na zona de O Rosal
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, aconsella elevar o nivel de vixilancia ante o mildio debido ás condicións climatolóxicas e, ante novos síntomas ou avance do patóxeno, seguir aplicando os tratamentos para evitar a proliferación do mildio larvado. Tamén é fundamental despexar a vexetación das viñas para facilitar a aireación dos acios, favorecer a penetración dos caldos fitosanitarios e evitar os esgotamento das plantas nesta fase da campaña.  

 O persoal de Areeiro notou un importante incremento no desenvolvemento da uva, chegando a maioría de grans a tamaño perdigón, aínda que tamén existen acios en floración na mesma planta. Neste momento clave para a futura colleita, atopouse o primeiro gran de albariño afectado polo oídio, polo que hai que manter a protección, especialmente nas variedades máis sensibles ao patóxeno. No caso da botrite e do black rot, non se observaron síntomas nas viñas, pero é conveniente permanecer alerta e usar funxicidas nos predios con historial da enfermidade.  

 Por outra banda, non se produciron capturas de avelaíñas do acio e, en canto os cicadelidos, houbo un incremento das capturas de Zygina rhamni e as de Empoasca vitis continúan a ser moi baixas. Tampouco se experimentou evolución no resto das ninfas de Scaphoideus titanus, o vector da enfermidade de flavescencia dourada. Así mesmo, observouse en todas as comarcas gromos terminais con síntomas de acariose ou de trips, pero Areeiro non vai realizar ningunha intervención de momento.  

 O aviso fitosanitario inclúe observacións sobre o moteado da maceira, xa que as condicións meteorolóxicas están a favorecer as infeccións e é preciso aplicar tratamentos para protexer os froitos en desenvolvemento. Tamén destaca a captura de dous novos machos da Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo), novas postas, outras en evolución e as primeiras eirugas neonadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario