A adecuación da contorna do río Vilar, na Estrada Vella, en Oia, finalista nos premios FAD de arquitectura
• A actuación, deseñada pola arquitecta María Fandiño e situada en pleno Camiño de Santiago, pasa á final duns galardóns referentes na Península Ibérica
Infogauda / Oia
A obra de adecuación da contorna do río Vilar, deseñada pola arquitecta María Fandiño Iglesias, na Estrada Vella, ao seu paso por Pedornes, vén de quedar finalista nos premios FAD 2025 na categoría “Paisaxe e Cidade”.
Este ano, un total de 454 propostas foron presentadas aos premios FAD, uns galardóns que supoñen todo un referente no ámbito da arquitectura da Península Ibérica. Do total de propostas, 73 foron seleccionadas na primeira fase, quedando 23 como finalistas en distintas categorías. No caso da actuación en Oia, situada en pleno Camiño de Santiago (Camiño Portugués da Costa), o xurado valorou “a reflexión sobre a gran paisaxe concentrada nunha pequena intervención no cruce entre dous camiños e un torrente”. Así mesmo, salienta que se trata dun “traballo delicado no que a pedra o constrúe todo, xa sexa a partir de pequenos cantos rodados descubertos no terreo ou cunhas grandes lousas traídas dunha canteira próxima”.
Esta non é a primeira vez que un traballo de María Fandiño, en Oia, destaca no eido da arquitectura. Nese sentido, cabe lembrar a reforma da praza do Campo, en Burgueira, actuación pola que a arquitecta foi recoñecida dentro dos premios da International Federation of Landscape Architects-IFLA, que en galego vén sendo, Federación Internacional de Arquitectos Paisaxistas.
Os traballos gañadores, o 10 de xuño
Unha vez coñecidos os traballos finalistas dos premios FAD deste ano, os proxectos que resulten gañadores serán dados a coñecer nunha cerimonia que terá lugar o 10 de xuño no Teatre Lliure de Barcelona, como parte das Semanas de Arquitectura 2025.
Os Premios FAD de Arquitectura e Interiorismo chegan este ano á súa edición número 67. O certame reúne as propostas máis destacadas da produción arquitectónica de España e Portugal e divídese en catro categorías: Arquitectura, Interiorismo, Cidade e Paisaxe e Intervencións Efémeras. Esta ollada sobre a arquitectura mediterránea e atlántica convirte a estes galardóns nun termómetro anual do estado da disciplina e tamén permite anticipar futuras tendencias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario