10 de xuño de 2025

O ROSAL

Os obradoiros de primavera do Rosal baixarán o pano con agulla e fío  

 O Concello organiza un taller de iniciación á costura guiado por Vicky, de Confecciona Academia 

 Será o sábado 21 de xuño ás 10 h, na nave do Obradoiro da Mata, con prazas limitadas e inscrición previa   




Infogauda / O Rosal

 Un pantalón vello pode converterse nun obxecto único e funcional nas mans axeitadas. Así o demostrará o último dos obradoiros de primavera do Rosal, que despiden esta nova edición cun taller de iniciación á costura, unha proposta que mestura aprendizaxe, reciclaxe e creatividade.  

 O taller impartirase o sábado 21 de xuño, no que a partir das 10:00 h., na nave do Obradoiro da Mata, Vicky, de Confecciona Academia, guiará ás persoas participantes para crear a súa propia bolsa de man, a partir dun pantalón vaqueiro reutilizado. O taller, de 3 horas de duración, está dirixido tanto a persoas con curiosidade pola costura como a quen quere iniciarse, polo que non son necesarios coñecementos previos.  

 “As actividades creativas como esta non son só espazos de aprendizaxe, son lugares de encontro, de economía circular e mesmo de autocoidado. Dende o Concello seguimos apostando por propostas que fomenten a sostibilidade, a segunda vida aos obxectos e a formación práctica para todas as idades”, sinala o concelleiro de Xuventude, Alejandro González.  

 As persoas interesadas en participar deberán levar dous pantalóns vaqueiros usados, fío de coser a máquina ao seu gusto e a súa propia máquina de coser, mentres que o resto de materiais (agullas para coser a man, tiza para teas ou bolígrafo que borra con calor, fío de coser, alfinetes, tesoiras para tea e cinta métrica) serán facilitados pola propia organización.  

 O curso terá un máximo de 8 prazas e un custo de 16 euros. Está aberto a todas as idades, aínda que terán prioridade as persoas menores de 30 anos. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición enchendo o formulario dispoñible. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario