A CIG-Industria analiza en asemblea a perda de dereitos que supoñen os novos coeficientes redutores da idade de xubilación
• O secretario xeral participou nun encontro con delegados/as en Vigo
A CIG-Industria celebrou hoxe unha asemblea de delegados/as en Vigo para analizar o contido do Real Decreto 402/2025
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
A CIG-Industria celebrou hoxe unha asemblea de delegados/as en Vigo para analizar o contido do Real Decreto 402/2025, que regula o procedemento previo para o estabelecemento de novos coeficientes redutores da idade de xubilación, a última medida do acordo en materia de pensións pactado entre UGT, CCOO e o Goberno o ano pasado.
Durante o encontro, que foi presentado polo secretario comarcal da CIG-Vigo, Xulio Fernández, e no que participaron o secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Paco Sío, fíxose fincapé en que nun contexto no que se consolida a xubilación ordinaria aos 67 anos, se amplían os anos para o período de cálculo aos 29 anos e se elimina a o dereito á xubilación parcial aos 61 anos, “confírmase unha nova perda de dereitos ao prolongarse a vida laboral das persoas que traballan en condicións de especial penosidade, perigosidade, toxicidade ou insalubridade”. Algo que a CIG leva denunciando dende que se anunciou o último acordo de pensións no marco do diálogo social.
Fronte á propaganda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu que “non se recoñece a xubilación anticipada, como se viña reclamando, nin tampouco se resolve a situación de moitas persoas traballadoras destes sectores e actividades máis penosas, obrigándoas a prolongar a súa vida laboral, ao non recoñecérenselle coeficientes redutores nin o procedemento que se estabelece garante que se van xubilar anticipadamente”.
Carril criticou que este novo recorte das pensións se leve a cabo outra vez no diálogo social, “verdadeira fosa común dos dereitos laborais”, agravado pola eliminación da xubilación parcial aos 61 anos. “Resulta lamentábel que UGT e CCOO teñan avalado este acordo e, ao tempo, de xeito cínico e hipócrita, chamen á mobilización en sectores como a construción ou o transporte para que se recoñezan coeficientes redutores da idade de xubilación, cando estes sindicatos son colaboradores da normas que restrinxen este dereito”.
Na asemblea que tivo lugar esta mañá no local do sindicato na cidade ademais de afondar no contido do RD marcáronse as liñas de actuación da CIG nos distintos sectores fronte a este novo ataque aos dereitos laborais das persoas traballadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario