26 de xuño de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

María Palomo consolida o seu papel no futuro da Selección Española 

A pivote do Mecalia Atlético Guardés volveu ser convocada por Ambros Martín e concentrarase coas Guerreras, no CAR de Serra Nevada o vindeiro mes de xullo 

Palomo foi citada como especialista defensiva dentro dunha lista de 18 xogadoras 

Coma as últimas veces, esta concentración enmárcase no Proxecto 2029 de consolidación do futuro do conxunto nacional 


María Palomo
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda 

 O Mecalia Atlético Guardés segue presente na Selección Española da man de María Palomo. A pivote madrileña volveu ser citada polo seleccionador Ambros Martín, e entre o 16 e 21 de xullo concentrarase coas Guerreras para seguir preparando o que o conxunto nacional denomina Proxecto 2029. Con esta nova convocatoria, Palomo confírmase coma unha das novas promesas que desempeñarán un importante papel no futuro da Selección, destacando como especialista defensiva nunha lista de 18 xogadoras enfocada nesta nova xeración.  

 O vindeiro 15 de xullo, María Palomo unirase en Granada á expedición das Guerreras do CAR de Serra Nevada, onde traballarán durante seis días nos distintos retos do equipo nacional para este ano. Entre eles destaca, por suposto, o Campionato do Mundo que se disputará entre novembro e decembro en Alemaña e nos Países Baixos, e no que España logrou a súa praza contando xa coa aportación da pivote, así coma doutras novas incorporacións.  

 Por iso as últimas convocatorias da Selección Española estiveron máis ben enfocadas ao Proxecto 2029, e nas listas confeccionadas por Ambros Martín víronse novas caras e xuventude, co obxectivo de consolidar o futuro do conxunto nacional tamén de cara ao seguinte mundial. É aquí onde se entende o papel da xogadora do Mecalia Atlético Guardés, que se converteu en habitual nas concentracións das Guerreras na última tempada, e que nesta ocasión exercerá de especialista defensiva.  

 “Que te siga a chamar a Selección é un orgullo, e supón que se recoñeza o meu traballo diario e o das miñas compañeiras”, manifestou Palomo, que expresa que unha vez máis está “moi contenta e con moitas ganas” de volver xuntarse co conxunto nacional. A pivote completa unha lista de 18 novas deportistas, todas militantes en ligas españolas, e coñecidas xa para ela das últimas concentracións. 

 Dende o Mecalia Atlético Guardés volvemos felicitar a María polo gran papel que está a desempeñar no equipo nacional e desexámoslle que siga a desfrutar da experiencia. 

Lista completa de xogadoras convocadas: 

- Porteiras: Lucía Prades (Bera Bera), Sabina Mínguez (Remudas), Olaia Luzuriaga (Beti-Onak) 

- Centrais: Elba Álvarez (Bera Bera), Paola Bernabé (Elche) 

- Laterais dereitos: Esther Martín-Buro (Elche), Maddi Bengoetxea (Porriño) 

- Laterais esquerdos: Eider Poles (Remudas), Carmen Arroyo (Bera Bera), Raquel Moré (Zuazo), Ester Somaza (Granollers) 

- Estremos dereitos: Paula Agulló (Elche), Anne Erauskin (Bera Bera) 

- Estremos esquerdos: Lisa Oppedal (Elche), Lucía Laguna (Porriño) 

- Pivotes: Lyndie Tchaptchet (Bera Bera), Almudena Gutiérrez (Beti-Onak) 

- Especialista defensiva: María Palomo (Guardés)

Ningún comentario:

Publicar un comentario