4 de xuño de 2025

A GUARDA

O PP E FARIÑAS DAN AS COSTAS ÁS FAMILIAS QUE PIDEN MÁIS SEGURIDADE NA PISTA DE PATINAXE 


Pista de patinaxe e pista multideportiva do porto da Guarda
Foto: G.M.S.

Grupo Municipal Socialista / A Guarda

 O Grupo Municipal Socialista lamenta profundamente que o equipo de goberno, formado polo PP e Fariñas, rexeitase no último pleno a moción que propoñía restrinxir o acceso e estacionamento de vehículos na zona situada entre a pista de patinaxe e a pista multideportiva do porto da Guarda durante as fins de semana.  

 A moción, presentada polo Grupo Socialista, tiña como obxectivo garantir a seguridade dos nenos e nenas que utilizan esa zona de maneira habitual, especialmente durante os días de maior afluencia. Esta área é un espazo de convivencia e xogo ao aire libre, onde moitas familias da vila acoden para que as crianzas practiquen deporte e socialicen. Con todo, a presenza de vehículos en tránsito ou aparcados supón un risco claro, xa que calquera despiste ou pelota fuxida pode ter consecuencias graves.  

 A voceira socialista, Fátima Rodríguez, subliñou que “resulta incomprensible que o equipo de goberno prefira priorizar a circulación de vehículos antes que a seguridade dos nenos e nenas que utilizan esta zona”. Engadiu que “o argumento de que van facer unha intervención na zona da Atalaia non debería ser excusa para non tomar medidas urxentes e necesarias neste punto tan sensible, sobre todo cando son as propias familias as que o reclaman”.  

 Desde o Grupo Municipal Socialista, consideramos que a decisión de rexeitar esta moción é unha mostra de irresponsabilidade por parte do equipo de goberno, que demostra así a súa falta de vontade para atender as demandas veciñais en materia de seguridade.  

 O Grupo Socialista reafirma o seu compromiso de seguir traballando para que as voces das familias sexan escoitadas e para que se adopten as medidas necesarias que garantan a seguridade das crianzas nos espazos de lecer e convivencia da nosa vila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario