A Rusga da Póvoa de Varzim (Portugal) visitará a vila de A Guarda
• Este sábado, 14 de xuño, ás 16:30h, desfilará pola rúa do Porto, e actuará no auditorio san Bieito
Infogauda / A Guarda
O concello de A Guarda irmandado co municipio de Póvoa de Varzim, vai acoller este sábado, 14 de xuño, ás 16:30 horas, na rúa do Porto, un desfile moi especial: o da Rusga da Póvoa.
A Rusga da Póvoa é un grupo tradicional do municipio portugués de Póvoa de Varzim que se achega á Guarda para presentar unha nova edición das Festas de San Pedro da cidade poveira.
Un grupo de 45 persoas, entre bailaríns e músicos, desfilarán pola contorna do porto de A Guarda e a continuación actuarán no auditorio de san Bieito, onde os asistentes tamén poderán probar un dos doces típicos da Póvoa de Varzim: a rabanada poveira.
Deste xeito, guardeses e visitantes coñecerán de preto a identidade poveira, tradición e espírito das festas dos veciños de Póvoa de Varzim. Desde logo, o desfile e a actuación chamará a atención de residentes e turistas polo colorido e espectacularidade dos seus traxes e marchas.
Con esa grata visita da delegación poveira coñeceremos máis de preto as tradicións dos nosos veciños poveiros, así como a súa gastronomía e o seu folclore.
O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, resalta que “é un xeito marabilloso de descubrir as festas desta cidade de Póvoa de Varzim, con quen cada vez temos máis lazos”.
Sobre Póvoa de Varzim
Póvoa de Varzim é unha cidade portuguesa do distrito de Porto, con máis de 64.000 habitantes. A de San Pedro é a súa principal festa, xa que é o patrón da cidade e o santo pescador. Por iso, na noite do 28 ao 29 de xuño, a poboación reúnese en festa, bailando e comendo sardiñas asadas nas fogueiras. Os barrios tradicionais compiten entre si nas “rusgas” e na creación dos tronos de San Pedro. E así como á cidadanía poveira fai un alto no camiño cotiá para gozar e compartir a ledicia das súas seculares tradicións
Ningún comentario:
Publicar un comentario