A Deputación de Pontevedra recolleu en Madrid o premio ás Rías Baixas como mellor destino de praia de Viajes National Geographic
• Nava Castro recolleu o galardón que acadou a provincia tras impoñerse a outros catro destinos españois, escollidos polos lectores da revista nunha votación en liña. Pontevedra é a provincia co maior número de bandeiras azuis de Galicia e a segunda de España
Infogauda / Madrid
A Deputación de Pontevedra acaba de recoller en Madrid o premio dos lectores de Viajes National Geographic ao mellor destino de praia. Foi xusto o día despois de coñecer que Pontevedra é a provincia co maior número de bandeiras azuis de Galicia e a segunda de España e tras ser escollida polos usuarios da revista impoñéndose aos outros catro finalistas nesta categoría. "É unha honra, un orgullo, pero tamén unha enorme responsabilidade –destacou a deputada provincial Nava Castro- porque este premio confirma que estamos no camiño correcto pero tamén nos esixe seguir mantendo elevados estándares de calidade nos que, Pontevedra, é xa un grande referente en todo o territorio español".
Nava Castro aproveitou a ocasión para subliñar que aínda que "o turismo de sol e praia segue a ser unha das principais razóns para visitar a provincia de Pontevedra.
Rías Baixas é moito máis que praias de augas tranquilas e area branca, é un lugar onde se sente a alma de Galicia e por iso este ano decidimos apostar polo interior coa nosa campaña Cando volves?". A deputada recordou que "cada recuncho da provincia ofrece ás persoas visitantes experiencias únicas" e "por iso traballamos con ilusión e compromiso para consolidar a nosa provincia como un destino de excelencia a través do traballo conxunto cos concellos, cos diferentes axentes do sector e coa cidadanía". Ao respecto, Castro detallou que a institución provincial traballa para converter Rías Baixas nun destino desestacionalizado, sostible e con maior atracción de turismo estranxeiro.
Sobre o destino Rías Baixas, Viajes National Geographic destaca que "situadas na costa noroeste de Galicia, as Rías Baixas son un destino de augas tranquilas, illas pequenas e vilas pesqueiras, rodeados dunha fermosa paisaxe verde". Así mesmo, tamén salienta que "ademais do aire fresco do océano, nestas terras respírase un ambiente tranquilo que invita a gozar do mar, a terra e os deliciosos mariscos da gastronomía galega". A provincia de Pontevedra gañou o galardón de mellor destino de praia tras competir nunha votación con destinos como Cabo de Gata (Almería), a Costa Daurada (Tarragona), Gran Canaria e a Costa Occidental de Cantabria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario