Abel Losada, orgulloso do “traballo de equipo” que permitiu poñer campañas contra a violencia machista ao dispor dos concellos
A Subdelegación do Goberno de Pontevedra e a Universidade de Vigo achegan o material para as campañas que van desenvolver os concellos de Ponteareas, Moaña, Lalín, Sanxenxo e Redondela
Losada: “É a primeira vez que unha Subdelegación española oferta deseños de campañas para o 25-N aos concellos da súa provincia”
Digna Rivas, alcaldesa de Redondela: “O que non se conta non existe; os concellos temos a obriga de traballar 365 días ao ano contra esta lacra”
Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo: “Dende 2020 para aquí estase a facer un gran traballo entre todos/as; isto non vai de cores políticas”
Leticia Santos, alcaldesa de Moaña: “A sensibilidade e o bo gusto do alumnado da Universidade de Vigo é de destacar”
Raquel Plana, concelleira de Igualdade de Ponteareas: “Esta iniciativa é fantástica; encántanos a idea de detectar a violencia antes de producirse”
Paz Asorey, tenente de alcaldesa de Lalín: “Hai que empezar a loitar contra a violencia de xénero dende o berce; grazas por elixir a Lalín”
Emma Torres, decana de Ciencias Sociais: “As e os profesionais do mundo da Comunicación temos unha responsabilidade enorme”
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentou esta mañá a iniciativa pioneira da Subdelegación do Goberno de Pontevedra e da Universidade de Vigo para poñer ao dispor de cinco concellos da provincia campañas de prevención e loita contra a violencia de xénero de cara ao próximo 25 de novembro, día internacional contra a lacra da violencia machista. As campañas, elaboradas polo alumnado do máster de Publicidade a petición da Subdelegación, teñen un enfoque concreto e dirixido a previr a dobre vitimización das mulleres inmigrantes.
Na presentación pública participaron hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; a tenente de alcaldesa de Lalín, Paz Pérez Asorey, e a concelleira de Igualdade de Ponteareas, Raquel Plana, que desculparon as ausencias por axenda do alcalde Xosé Crespo e da alcaldesa Nava Castro, respectivamente. En case tódolos casos chegaron acompañados/as das responsables dos Centros de Información á Muller. Tamén asistiron a decana da Facultade de Ciencias Sociais, Emma Torres, así como unha escolma do alumnado do máster e a xefa da Unidade de Prevención da Violencia da Subdelegación, María José Rodríguez.
Máster público nunha universidade pública
Abel Losada amosouse orgulloso do éxito dun traballo que nos permitiu “facer equipo” entre a Subdelegación, a Universidade de Vigo e os cinco concellos participantes. Destacou que é a primeira vez que unha Subdelegación do Goberno pon campañas contra a violencia de xénero na programación dos concellos e tamén que a primeira vez que os deseños saen do esforzo dos/as alumnos/as dun máster público, nunha universidade pública. “Todo un exemplo de colaboración institucional e tamén de boas prácticas na implementación de políticas públicas”.
O subdelegado explicou que na primeira xuntanza coa decana da Facultade de Ciencias Sociais “démoslle voltas” ata decidir que as campañas terían un enfoque cara á protección das vítimas inmigrantes, “un tema que nos preocupa”. “Nada facía presaxiar”, engadiu, “que poucos meses despois unha muller marroquí, Fadua, ía ser asasinada en Moaña; este é o motivo polo que nos comprace tanto que o Concello de Moaña teña aceptado participar”.
Agradeceu o recibimento entusiasta dos cinco concellos que participan nesta primeira experiencia (Redondela, Sanxenxo, Moaña, Ponteareas e Lalín), que nace con vocación de continuidade, para que a Subdelegación do Goberno, máis alá do combate policial contra a violencia de xénero, impulse tamén a celebración de campañas preventivas aproveitando “a forza dos concellos”.
Emma Torres celebrou que haxa “novas positivas” en relación coa violencia de xénero, porque o feito de que Subdelegación, Universidade e concellos colaboren é un elemento satisfactorio. “A loita debe ser global”, afirmou. Coincidiu na importancia da acción policial a través do sistema Viogén, “pero a concienciación social non debe desatenderse nunca”. “Estamos diante dun problema que debe visibilizarse e os e as profesionais da Comunicación temos unha responsabilidade enorme”. Engadiu que a Universidade ofertou á Subdelegación un Proxecto de Aprendizaxe-Servizo (APS), co obxectivo de que o traballo docente tivese unha tradución real. “Agora os concellos son os nosos “clientes” e imos entregarlles campañas acabadas e profesionais”. Finalmente, coincidiu con Losada da importancia deste máster público en Publicidade, un dos poucos de España nunha universidade pública. Os concellos de Redondela e Sanxenxo implementarán a campaña “A Linguaxe da violencia é universal. A resposta tamén o é”. Digna Rivas afirmou que o non se nomea non existe, polo que as campañas contra a violencia machista son imprescindibles.
“Os concellos temos a obriga de facer un traballo neste eido os 365 días do ano e facer esta campaña co alumnado da Uvigo nos motiva especialmente”. Ademais, recordou que Redondela puxo en marcha os premios de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista “Sesé Mateo”. Pola súa banda, Telmo Martín anunciou que Sanxenxo vaise implicar a fondo para que esta campaña teña impacto no seu municipio. Explicou que o Concello conta cun gran equipo humano neste eido e fixo un recoñecemento explícito aos esforzos que están a facer “tódalas Administracións do ano 2020 para aquí, estamos facendo un gran traballo entre todos e todas; isto non vai de cores políticas”. Os concellos de Moaña e Lalín desenvolverán a campaña “Barreiras. Ollo pechado”. A alcaldesa Leticia Santos celebrou que o deseño saia dun máster da Universidade de Vigo e recordou que ela mesma está titulada pola Uvigo. Felicitou ao alumnado pola súa sensibilidade e o bo gusto na abordaxe deste tema “porque non sempre se ten acertado dende as campañas oficiais”. Ademais puxo en valor que sexa un deseño feito por xente moza, que pode chegar mellor a ese colectivo e desexou moitas máis colaboracións deste tipo. Paz Pérez Asorey, tenente de alcaldesa de Lalín, afirmou que o labor preventivo da violencia machista debe comezar dende o berce. A violencia, engadiu, está en tódolos círculos da nosa vida e criticou o negacionismo afirmando que cómpre visibilizar aquelas violencias que algúns non condenan. Ademais, puxo en valor o curso de verán “Lalín 2.0” que desenvolve o Concello xunto coa Universidade de Santiago.
O Concello de Ponteareas, finalmente, optou pola campaña “Detecta e actúa. Ti podes evitalo”. Raquel Plana, concelleira de Igualdade ponteareán, afirmou que a idea de actuar antes de que o fenómeno da violencia se produza pareceulles “fantástica”. “Non hai que agardar a que haxa vítimas; hai que detectar e actuar”, afirmou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario