9 de maio de 2025

O ROSAL

Nova andaina interpretativa no Rosal entre fervenzas, pozas e historia  

  O Concello organiza unha ruta polo río da Cal o vindeiro 24 de maio, ás 10.00 horas. Necesaria inscrición previa na web ou no Rexistro do Concello   



Infogauda / O Rosal

 Camiñar polo Rosal é tamén mergullarse na súa historia. O vindeiro sábado 24 de maio, ás 10.00 horas, o Concello organizará a súa terceira andaina interpretativa deste 2025, unha ruta especial polos sendeiros do río da Cal na que natureza, antigos oficios e memoria local daranse a man.  

 A andaina terá unha distancia de 8 quilómetros e unha dificultade moderada cun desnivel de preto de 300 metros. O roteiro terá unha duración estimada de tres horas e media e será apto para persoas cunha condición física media e sen problemas de mobilidade. 

 Nesta ocasión, as persoas participantes ascenderán ata o Niño do Corvo a 312 metros de altitude, visitarán a Pedra Furada, coñecerán historias e crenzas populares da zona e rematarán o percorrido descendendo polas antigas minas de ouro das Bornas. Un percorrido de 9 quilómetros e dificultade moderada que destaca polo seu enorme interese paisaxístico, con espectaculares miradoiros naturais sobre a foz do río Miño e o monte Santa Tegra, así como polos seus valores históricos e arqueolóxicos, que serán comentados ao longo da andaina por persoal especializado. 

 Un percorrido polo patrimonio natural, histórico e cultural do Rosal que levará a todas as persoas participantes a descubrir a beleza dos saltos, pozas e fervenzas do río da Cal, así como o conxunto de muíños do Calán, que fan da contorna un lugar único. Visitaranse lugares emblemáticos nos que coñecer parte da historia, usos e costumes de rosaleiros e rosaleiras, como a antiga canteira da que se extraía pedra para as rodas dos muíños, a ermida de San Martiño ou o Chan da Cereixa. O roteiro incluirá tamén vistas aos fermosos conxuntos dos muíños do Folón e do Picón, completando unha experiencia que combina natureza, etnografía e tradición. 

 Como resalta o concelleiro de Turismo e Deporte, José Carlos Martínez Crespo, “estas andainas son unha oportunidade para redescubrir a nosa contorna dende unha nova ollada.

 Con esta nova cita continuamos percorrendo e poñendo en valor o noso territorio, facendo que cada paso conte unha historia e visitando espazos cheos de vida e memoria.

 Con prazas limitadas, as persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente, a través do formulario habilitado na web do Concello ou no Rexistro. Unha vez pechada a inscrición, enviarase por correo electrónico toda a información práctica, incluíndo o punto de saída, recomendacións sobre roupa cómoda, comida, auga e a declaración responsable necesaria para participar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario