9 de maio de 2025

A GUARDA

O Concello de A Guarda promove a conciliación cun novo campamento para este verán  

  En total ofreceranse 60 prazas para nenos e nenas de 4 a 12 anos, durante os meses de xullo e agosto  




Infogauda / A Guarda 

 Co obxectivo de axudar á conciliación ás familias, o Concello de A Guarda organiza para este verán un novo campamento urbano. Celebrarase nos meses de xullo e agosto, e está dirixido a nenos e nenas da Guarda de entre 4 (nados no 2021) e 12 anos. 

 En total ofértanse 60 prazas para as crianzas empadroadas na Guarda e que cumpran os requisitos das bases.  

 Durante as mañás de verán os participantes desfrutarán de xogos, obradoiros, deporte, natureza... 

 Este campamento caracterízase por adaptarse ás necesidades das familias traballadoras, xa que o horario de 9:00 a 14:00h pode estenderse de 8:00 a 15:00h, e ademais, pode solicitarse só un dos meses de verán ou os dous. 

 O alcalde de A Guarda resaltaba a importancia destes campamentos urbanos, pois "conciliar durante unhas vacacións tan longas como a dos nenos e nenas en verán é moi complicado, por iso o horario é o habitual dos colexios para manter a mesma rutina dos pequenos".   

 O prezo do campamento será de 100€ por dous meses, mentres que se só se opta por un mes, o prezo será de 80€. Neste sento, o alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, destaca que "en moitas ocasións o prezo deste tipo de actividades supón un gasto moi alto para as familias en verán, polo que tentamos facelo o máis asequible posible".  

 O prazo de solicitude abrirase o luns 12 de maio e pecharase o venres 23 deste mes, e pode presentarse a través da sede electrónica ou de xeito presencial no rexistro (1ª planta do Concello). Para facer a inscrición, condicións e saber a documentación a presentar, poden consultarse as bases na web do Concello.  

  Solicitude individual (1 fillo/a). 

  Solicitude múltiple (varios fillos/as).

 Este campamento únese a outros de conciliación que organiza o Concello de A Guarda como o Conciliaguarda que se celebra en Semana Santa e Nadal, de xeito totalmente gratuíto, para 30 familias guardesas.  

 Esta actividade conta co financiamento da Consellería de Política Social e do Ministerio de Igualdad, dentro do Plan Corresponsables.

Ningún comentario:

Publicar un comentario