Tomiño continúa coa súa aposta cultural de primavera baseada na música
• A vindeira fin de semana chegan ao auditorio municipal a banda “Querido”, de música indie e rock, e “Uxía Lambona e a Banda Molona”, con troula e animación para toda a familia
Infogauda / Tomiño
Tomiño segue apostando polas propostas musicais na súa axenda Primavera Cultural. Música coral e de autor; espectáculos musicais para público infantil e adulto conforman a programación deste ano, na que tamén hai cabida, aínda que en menor medida, para a danza, a maxia e o teatro, sen esquecer as Letras Galegas (maio).
Tras o éxito acadado por “Molto Barroco” (teatro musical para persoas adultas) do grupo Píscore; pola música para cantar e bailar de “María Fumaça” (unha proposta para público familiar con Uxía Senlle), ou mesmo polo tradicional concerto de primavera da Coral Polifónica de Tomiño, do pasado domingo, chegan a Tomiño outras dúas propostas musicais moi interesantes. O vindeiro sábado, 26 de abril (21.00h), actuará para público adulto, no auditorio municipal, a banda “Querido”, encabezada por Andrés Ferreiro, fillo do cantautor vigués Iván Ferreiro, Este cuarteto encarna a nova onda de música alternativa con gran profesionalismo. Fundada en 2022, o grupo forxouse unha identidade musical influída polo indie e a esencia clásica do rock progresivo.
E para completar o programa, o domingo 27 (17.30h), tamén no auditorio, teremos a “Uxía Lambona e a Banda Molona”, con troula e animación para toda a familia. Esta banda recolle clásicos populares galegos, facendo participar á xente, nun “des-concerto” cheo de bailes, xogos, coreografías e sorpresas. As entradas para ambos os dous espectáculos poden adquirirse dende unha hora antes das funcións no propio auditorio (Goián).
“Na nosa axenda cultural de primavera tentamos incluír unha serie de actividades variada e atractiva, que englobe diferentes xéneros artísticos, dirixidos na súa maioría, a un público familiar, pero este ano, fixemos ademais unha aposta decidida pola música nas súas distintas variantes, e agardamos que o público nos acompañe como vén facendo cada ano no auditorio municipal”, sinala a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Xa en maio, o día 3, terá lugar outro concerto moi singular. O Curso de Lingua de Signos da OMIX de Tomiño contactou con Terapia de Grupo para crear un concerto inclusivo para persoas xordas. Terapia de Grupo é unha banda formada por Jairo, Anxo e Lara que traen a mellor selección de himnos do pop e o rock en galego e en español, xunto con grandes clásicos internacionais e nacionais.

Ningún comentario:
Publicar un comentario