21 de abr. de 2025

TOMIÑO

Tomiño alcanza os 100.000 euros en axudas directas a entidades sociais, culturais e deportivas do municipio 

 O Concello reforza así o seu apoio ao tecido asociativo local a través dunha colaboración continua e activa 


Vista aérea do concello de Tomiño
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 O Concello de Tomiño vén de resolver a convocatoria anual de subvencións dirixidas a entidades locais sen ánimo de lucro que desenvolven actividades sociais, culturais e deportivas, así como a deportistas individuais. Este ano, a contía total ascende a 100.000 euros en axudas directas, unha cifra que reflicte o forte compromiso do Goberno local co tecido asociativo tomiñés. 

 O prazo para presentar solicitudes estivo aberto ata o pasado 11 de abril. Do total repartido, 15.000 euros foron destinados a 10 asociacións de carácter social, 30.000 euros a 25 entidades culturais e 55.000 euros a 11 clubs e asociacións deportivas locais e 22 deportistas individuais. 

 Estas subvencións representan só unha das moitas formas de apoio que o Concello ofrece ás asociacións e colectivos do municipio. O Goberno local mantén un contacto constante coas entidades sociais, culturais e deportivas, traballando da man con elas ao longo de todo o ano para dar resposta ás súas necesidades e facilitar o desenvolvemento das súas actividades. 

 “Estas axudas directas son unha ferramenta fundamental para garantir que as asociacións e deportistas tomiñeses poidan seguir impulsando proxectos que enriquecen a vida social, cultural e deportiva do noso concello. Pero ademais delas, existe un traballo continuo de colaboración e apoio que mantemos dende o Concello para acompañalos no seu día a día”, explica a alcaldesa, Sandra González. 

 O Concello de Tomiño continúa así a consolidar unha rede activa de colaboración co tecido asociativo, fomentando a participación cidadá, a inclusión social, a cultura e o deporte local, tanto en modalidades colectivas como individuais, e favorecendo tamén a súa presenza en competicións oficiais a nivel rexional, nacional e internacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario