13 de abr. de 2025

TOMIÑO

O Concello de Tomiño avanza cara á finalización da reforma integral do pavillón da Carballa, clave para a comunidade educativa e deportiva 

 A día de hoxe, xa se finalizou a renovación do pavimento e da cuberta e a instalación de novas luminarias de baixo consumo   


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, co técnico municipal, e Rubén García Filgueiras, concelleiro de Benestar social e deportes, no pavillón da Carballa
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 O Concello de Tomiño está a piques de finalizar a reforma integral do pavillón da Carballa, un proxecto de gran envergadura que transformou este espazo clave para a comunidade educativa e deportiva do municipio. Cun investimento de preto de 400.000 euros, a modernización do pavillón non só mellorou a súa funcionalidade, senón que tamén optimizou a súa eficiencia enerxética, ofrecendo un entorno máis sostible e cómodo para todos os seus usuarios e usuarias.  Este proxecto, que foi unha das principais promesas nas últimas eleccións municipais, está a punto de facerse realidade. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou os avances desta obra que marcará un antes e un despois na infraestrutura deportiva local. 

 "Este proxecto reflicte o noso firme compromiso coa mellora das infraestruturas municipais e a prioridade que damos ao benestar das persoas. A reforma do pavillón da Carballa era unha demanda constante da comunidade educativa e deportiva, e hoxe estamos a punto de ofrecer un espazo completamente renovado e máis seguro para os nosos mozos e mozas, especialmente os estudantes do IES Antón Alonso Ríos", declarou a rexedora.  

 A día de hoxe, xa se finalizou a renovación do pavimento, cun solo área elástico con acabado en madeira de faia, deseñado para a práctica deportiva. Ademais, as novas luminarias de baixo consumo e o marcador electrónico de última xeración xa están instalados, dotando ao pavillón dun aire moderno e eficiente. 

 A reforma tamén incluíu a renovación da cuberta, que se atopa xa na súa fase final. Este cambio permitirá resolver os problemas de filtracións e mellorará considerablemente o illamento térmico do pavillón, alongando a vida útil da instalación e contribuíndo ao aforro enerxético. 

 A alcaldesa tamén expresou o seu agradecemento ao instituto IES Antón Alonso Ríos e pola súa comprensión durante todo o proceso de obras, e subliñou a importancia deste proxecto para o municipio: "Estamos cerca do final das obras e ultimando os detalles para que o pavillón sexa unha instalación de referencia, adaptada ás necesidades deportivas e educativas de todos os veciños".  

 Para facer posible esta importante reforma, o Concello de Tomiño conseguiu que parte fose financiada a través dunha subvención obtida da Deputación de Pontevedra, o que permitiu avanzar no proxecto e mellorar as infraestruturas do municipio. 

 Coas obras a piques de finalizar, o pavillón da Carballa perfílase como un espazo renovado, seguro e eficiente, listo para seguir sendo o corazón da actividade deportiva e educativa en Tomiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario