10 de abr. de 2025

TOMIÑO

A Escola de Música de Tomiño,  referente de bo facer e desenvolvemento cultural  

 Concello e Agrupación Musical de Goián asinaron un novo convenio que este ano pasou de 25.000 a 30.000 euros destinados ao funcionamento do centro   


A sinatura celebrouse no Concello e contou coa presenza da presidenta da AMG, Pilar Ramos, e da alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Asistiron ao acto tamén o director da Agrupación Musical e das bandas de música, Pedro Villarroel, e o concelleiro Alexandre Pérez Souto, tamén membro da directiva da agrupación
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de asinar coa Agrupación Musical de Goián un novo convenio de colaboración para o funcionamento da Escola de Música, un centro que acolle a máis de 150 alumnos e alumnas de diferentes idades e niveis que dan vida ao centro, peza fundamental do desenvolvemento cultural e educativo do municipio e referente do bo facer no eido musical.  

 A sinatura celebrouse no Concello e contou coa presenza da presidenta da AMG, Pilar Ramos, e da alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Asistiron ao acto tamén o director da Agrupación Musical e das bandas de música, Pedro Villarroel, e o concelleiro Alexandre Pérez Souto, tamén membro da directiva da agrupación. 

 A alcaldesa lembrou o compromiso firme do Concello “coa educación, a cultura e a música,que desempeña un papel fundamental na vida do municipio, non só como forma de expresión artística, senón tamén como vínculo que une e enriquece á veciñanza”. 

 Pilar Ramos, pola súa banda, agradeceu ao Concello de Tomiño “o apoio recibido que nos vai permitir seguir desenvolvendo a nosa actividade musical con 13 profesores e profesoras, un director e unhas 4.000 horas de formación ao ano, a maioría de xeito individualizado”.  

 Coa súa oferta formativa, a Escola de Música brinda oportunidades de desenvolvemento artístico individual, ao tempo que fomenta o traballo en equipo e fortalece o tecido social tomiñés. Entre as especialidades que ofrece atópase a de xardín musical, dirixida a nenos e nenas de 3 e 4 anos; música e movemento, para cativada de 4 a 7 anos; linguaxe musical, clases de solfexo a partir dos 6 anos; música para adultos e instrumentos de corda, percusión, vento madeira, vento metal e as bandas infantil e xuvenil.   

 Cunha aposta decidida pola educación, o Concello renova este convenio que este ano pasa de 25.000 a 30.000 euros, co fin de garantir a continuidade da Escola de Música e financiar as clases, e a preparación do alumnado que continúa estudando nos conservatorios profesionais, posibilitando tamén as audicións trimestrais e a realización de concertos e actividades musicais, culturais e de lecer, así como a organización do Campamento Musical de Verán. “A nosa aposta pola cultura e a música é total, de alí que este ano fagamos un esforzo económico para ampliar a axuda á nosa escola de música”, explica Sandra González.

Ningún comentario:

Publicar un comentario