21 de abr. de 2025

O ROSAL

‘Cafés en Igualdade’ para combater tabús e clichés sobre a vellez   

 Será este xoves 24 de abril, ás 17.30 h, na Nenza Xida, no Calvario, da man da sexóloga rosaleira Ana Pérez Cardoso, con entrada de balde  



 

Infogauda / O Rosal

 Porque envellecer non é desaparecer, os ‘Cafés en Igualdade’ propoñen unha nova cita coa que combater tabús e clichés sobre esta etapa da vida. Baixo o título ‘A que tivo, retivo. Mulleres, homes e vellez’ a sexóloga rosaleira Ana Pérez Cardoso guiará esta nova charla con entrada de balde e aberta a todos os públicos, este xoves 24 de abril ás 17.30 horas, no bar cafetería Nenza Xida, no Calvario. 

 Especialista en educación, xénero e igualdade, Pérez Cardoso conducirá un faladoiro aberto e participativo no que compartir ideas, vivencias e olladas sobre a vellez dende o punto da sexoloxía. “Con charlas como esta dos nosos Cafés en Igualdade’ queremos abrir un espazo no que todas as persoas, sen importar a súa idade, se sintan representadas e poidan falar de como viven ou pensan a vellez dende todos os ámbitos”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 O obxectivo deste encontro é ofrecer ferramentas e ideas que permitan vivir esa etapa da vida dende unha perspectiva máis propia e amable, entendendo a diversidade como punto de partida e camiño cara á convivencia. A sexóloga rosaleira empregará unha metodoloxía participativa e lúdica, incorporando imaxes, ideas e incluso a proxección dunha curta que servirá como detonante para fomentar a conversa colectiva.  

 Como destaca a rexedora, “os ‘Cafés en Igualdade’ están sendo un éxito pola súa capacidade para conectar coa veciñanza, achegar temas que ás veces se evitan e facelo nun ambiente cómodo e respectuoso da man de profesionais”.  

 Os ‘Cafés en Igualdade’ están organizados polo Concello do Rosal e contan co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.

Ningún comentario:

Publicar un comentario