19 de abr. de 2025

DEPORTES

 BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés afronta o derbi en Porriño cos deberes feitos 

  O equipo de A Guarda chega sen presións ao segundo derbi As Nosas da tempada




Redacción Deportes / A Guarda

 Este domingo 20 de abril ás 11.30 horas, o pavillón municipal de Porriño acollerá o duelo de vixésimo cuarta xornada entre os dous equipos galegos da liga Guerreiras Iberdrola, que será ademais retransmitido en directo por Teledeporte. Un encontro que o equipo de A Guarda enfoca máis ben desde o gozar e o espectáculo de balonmán para a súa afección, xa que a súa impresionante vitoria hai dúas semanas fronte ao Costa do Sol Málaga coroouno virtualmente como campión da fase regular ligueira, asegurándose así o liderado para a eliminatoria polo título do próximo mes de maio. 

 Pola súa banda, a emoción poñerana as anfitrioas, xa que o Conservas Orbe Zendal BM Porriño segue inmerso nunha loita pola cuarta praza clasificatoria na que nada está decidido aínda, a falta de tres xornadas para o final. Polo demais, continúan fóra da convocatoria guardesa Cecilia Cacheda e Jazmín Mendoza, que decidiron permitirse prolongar a recuperación das súas respectivas lesións e reservarse así para a eliminatoria do mes que vén, e serán compensadas coas xuvenís Carmen Magallanes e Ángela Portela.  

 O Mecalia Atlético Guardés chega á gran cita do balonmán galego aínda nunha nube. Unha semana de parón internacional non foi suficiente para que as de Ana Cristina Teixeira Seabra esquézanse da fazaña que lograron o pasado 5 de abril, vencendo ao Costa do Sol Málaga nun partido crucial polo primeiro posto grazas a unha impresionante remontada na que anotaron catro goles no último minuto e medio do partido. Ao final de infarto seguírono as celebracións por toda A Guarda, xa que a vitoria supuxo, virtualmente, o campionato de liga regular para o Mecalia Atlético Guardés.  

 A falta de tres xornadas para que termine esta fase ligueira, a derrota deixaba ao conxunto malagueño, segundo clasificado, sen opcións matemáticas de arrebatar o liderado ao Mecalia Atlético Guardés. Un feito que non só é un fito na historia do equipo, xa que supón un paso máis no camiño do que podería ser o segundo título de Liga para A Sangriña, senón que tamén implica que o Mecalia Atlético Guardés gozará da condición de anfitrión en todos os partidos de volta da eliminatoria polo título do próximo mes de maio, así como unha ansiada praza reservada na EHF European League a tempada que vén.  

 Así, cos deberes feitos, é como as de Ana Cristina Teixeira Seabra afrontan o choque contra o Porriño. Sempre mantendo o nivel e o ritmo de xogo, buscarase que sexa unha gran festa para os afeccionados de O Inferno e de Galicia, unha oportunidade para seguir gozando da competición ligueira antes de encarar o reto da loita polo título. É por este clima de menor presión que precisamente a convocatoria guardesa mantense sen cambios sobre os anteriores partidos, xa que tampouco este domingo volverán Cecilia Cacheda e Jazmín Mendoza á pista. Ambas estiveran ausentes nas últimas citas do equipo debido a distintas lesións menores (microrroturas de fibras no músculo sóleo no caso da lalinense, e unha escordadura de grao II no nocello esquerdo da paraguaia), e estimábase que as súas recuperacións estivesen completadas para o derbi, aínda que as dúas decidiron ampliar o seu repouso e gardar forzas para o mes que vén. No seu lugar, o Mecalia permitirá brillar a dúas das súas xogadoras de base, Ángela Portela e Carmen Magallanes, que se incorporarán como reforzo á convocatoria desta fin de semana.  

 Pola súa banda, o Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño vivirá unha recta final ligueira moi diferente. O equipo dirixido por Isma Martínez chega a esta antepenúltima xornada regular no medio dunha intensa loita pola cuarta praza clasificatoria, e na que unha vitoria ou unha derrota podería supoñer un panorama moi diferente na eliminatoria polo título. Polo momento o conxunto porriñés sostén o cuarto posto, por baixo do Super Amara Bera Bera e por encima do KH-7 Granollers, pero separado de cada un deles soamente por dous puntos. E aínda que os seus dous partidos restantes, contra rivais da parte baixa da táboa, parecen algo máis sinxelos que o camiño que espera aos equipos vasco e catalán, unha cobizada vitoria ante o líder sería sen dúbida o feito que marcaría a diferenza para rematar a liga regular nun bo lugar e con boas vibracións.  

 Así, este domingo o Porriño buscará sumar o seu terceiro triunfo consecutivo (tras vencer a Beti-Onak e Elda as últimas xornadas) e lograr así o que non puido a última vez que se mediu ao seu compatriota galego. Aquel primeiro derbi As Nosas de undécima xornada na Sangriña saldouse cun 26-22 moi traballado por parte das de Ana Cristina Teixeira Seabra, para deleite dunha afección de O Inferno que tampouco se perderá por nada do mundo unha ocasión máis de volver gozar do mellor balonmán galego esta fin de semana.  

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Aínda que os puntos xa non son o máis importante, ten que ser nosa responsabilidade manter o noso nivel de traballo e non relaxarnos”  

 A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, explica que “o derbi sempre é un partido especial”. O nivel de ambos os dous equipos galegos esta tempada foi extraordinario, polo que a preparadora da Sangriña indica que “aínda que os puntos xa non son o máis importante”, as súas queren “facer un bo partido”.  

 “Queremos seguir sentíndonos ben, porque a pesar de todo ten que ser nosa responsabilidade manter o noso nivel de traballo e de foco e non relaxarnos”, sentenza Seabra, que sostén a importancia de non baixar o ritmo nin confiarse nesta recta final de tempada a pesar da pouca importancia virtual dos resultados. “A verdade é que esperamos que sexa un bo partido”, conclúe a adestradora.  

 Polo demais, a técnica do Mecalia Atlético Guardés cre que será un partido “no que non haberá moitos goles, onde destacarán as defensas”, sendo a súa a mellor da División de Honra este curso e deixando igualmente a do rival porriñés brillantes actuacións ao longo do ano. Sobre calquera outra previsión de como se desenvolverá o encontro, hai unha última cousa que Ana Cristina Teixeira Seabra ten clara: “Será un bo derbi galego”.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola

Xornada 24 

Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño – Mecalia Atlético Guardés 

Domingo, 20 de abril, ás 11:30 horas 

Pavillón Municipal do Porriño 

En directo en Teledeporte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario