BALONMÁN FEMININO
Elena Martínez continuará no Mecalia Atlético Guardés a próxima tempada
• A valenciana, que asinara nesta tempada por dous anos, é o sétimo membro anunciado do plantel do ano que vén
• Será o seu segundo ano no Mecalia Atlético Guardés, despois dunha tempada debut no equipo interrompida prematuramente pola súa rotura de ligamento cruzado
Redacción Deportes / A Guarda
Elena Martínez é a sétima xogadora que se coñece que seguirá no Mecalia Atlético Guardés a próxima tempada 2025/2026. A valenciana entrou no equipo esta tempada asinando un contrato de dous anos que continuará o vindeiro curso, coa ilusión de poder demostrar todo o seu potencial tras un primeiro ano na Sangriña interrompido por unha rotura de ligamento cruzado o pasado mes de outubro.
A lateral foi unha das fichaxes estrela que o Mecalia Atlético Guardés anunciou antes do comezo da actual tempada, e así puido demostralo nos escasos minutos que pasou sobre o 40x20. En tan só tres partidos, os únicos que puido xogar completos ata lesionarse, Martínez anotou un impresionante total de 17 goles, unha cifra que supera os cinco acertos de media por partido. Porén, no encontro de cuarta xornada ligueira do pasado mes de outubro, a valenciana sufriu unha grave rotura de ligamento cruzado anterior con afectación a meniscos no xeonllo dereito que a apartaría das pistas ata novo aviso.
Por todo iso, Elena espera con ganas a próxima tempada, para que se prevé que estea completamente recuperada e preparada para continuar o brillante camiño que comezara co equipo da Guarda. A lateral esquerdo desembarcou na Sangriña procedente do Lobas Global Atac Oviedo, co que asinou unha tempada 2023/2024 na que conseguiu coroarse como quinta máxima goleadora da liga regular. No club non cabe ningunha dúbida de que lle espera un ano 2025/2026 moi prometedor por diante, e a afección guardesa tamén amosa as mesas ganas de vivir algo máis da súa maxia valenciana na pista.
Martínez é o sétimo nome do plantel 2025/2026 do Mecalia Atlético Guardés, uníndose ás renovacións de Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, Blazka Hauptman, Ania Ramos, María Sancha e Carme Castro, ademais de Ana Cristina Teixeira Seabra ao mando do corpo técnico. Nas seguintes semanas o equipo continuará anunciando ao resto de xogadoras que conformarán o seu proxecto para o vindeiro ano.
Elena Martínez: “Teño moitas ganas de volver a xogar na Sangriña”
A sétima xogadora do Mecalia Atlético Guardés 2025/2026 declarou que se sinte “moi contenta” por seguir un ano máis no equipo. Martínez, que fichou polo Mecalia Atlético Guardés o pasado verán, asinou o seu contrato de dous anos coas expectativas moi altas e coa certeza de que o conxunto guardés podería loitar por estar no máis alto. E aínda que as súas predicións cumpríronse, a súa lesión impediulle participar desa pelexa tan de preto como lle tería gustado.
Por todo isto, Elena declara que ten “moitas ganas de volver a competir e a xogar na Sangriña” o vindeiro curso, no que espera que poida “comezar o máis cedo posible” tras confirmarse a recuperación completa da súa lesión. En canto ás expectativas, a valenciana afirma que seguen igual de altas, e os seus obxectivos céntranse en “seguir loitando e competindo coma se está a facer este ano”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario