Tui relembrará a figura de Manuel Lago González, o arcebispo poeta
• Un acto da Real Academia Galega e un ciclo de actividades centrará esta homenaxe
Infogauda / Tui
O vindeiro martes, 18 de marzo, cúmprese o centenario do falecemento na cidade de Santiago de Compostela, na que exercía como arcebispo, do egrexio tudense Manuel Lago González (Tui, 1865 – Santiago de Compostela, 1925). Na traxectoria deste insigne eclesiástico, que tamén foi un destacado poeta, salientou sempre o seu compromiso por Galicia e a súa cultura e nomeadamente á lingua galega na que compuxo moitos dos seus versos.
O paso do tempo, en palabras do alcalde de Tui Enrique Cabaleiro, non conduce ao esquecemento da figura de Manuel Lago senón que potencia de xeito especial a transcendencia da súa achega á vida tudense e galega como un persoeiro que conserva a estima dos tudenses.
En consecuencia, o Concello de Tui ten programadas unha serie de actividades neste mes de marzo para lembrar a súa personalidade e a súa inxente obra que ten enriquecido a vida social e cultural de Galicia.
Comezan este programa cun acto da Real Academia Galega, RAG, este venres 7 de marzo, ás 19 h no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela en Tui, conmemorando o centenario do pasamento do seu académico fundador. O relixioso e escritor foi un dos organizadores dos xogos florais que se desenvolveron na nosa localidade no ano 1891, os primeiros da historia integramente en galego. A institución da que formou parte e mais o Concello de Tui coorganizan o acto.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, pronunciarán os discursos institucionais nunha cita que contará ademais coas intervencións académicas arredor da figura de Lago González, de Andrés Torres Queiruga e Xesús Ferro Ruibal.
O programa inclúe a actuación musical de Eduardo Rodríguez Sobrino, na gaita; e Rubén López López, ao piano, que interpretarán composicións de José Torres para poemas do homenaxeado. Canda os músicos do Conservatorio Profesional de Música de Tui lerá versos de Lago a e escritora e profesora Marga do Val.
As actividades continúan o domingo,16 de marzo, cun paseo literario sobre Manuel Lago no que se percorrerán diversos lugares da cidade tudense ligados coa memoria e actividade de Lago na nosa localidade. A visita comezará ás 11.30 h na Oficina Municipal de Turismo, no Paseo da Corredoira.
O luns 17 de marzo, ás 19 h, o espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela, acollerá unha mesa redonda sobre Manuel Lago González que contará coa intervención de Avelino Bouzón Gallego, arquiveiro da catedral de Tui; José Manuel García Iglesias, profesor da USC; e Marga do Val, escritora e profesora.
Finalmente o martes 18 de marzo, na data do centenario do seu falecemento, rematará este ciclo cunha conferencia sobre a traxectoria biográfica de Manuel Lago González a cargo de Marta Cendón Fernández, profesora de Universidade de Santiago de Compostela. Será ás 19 h no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela.
Manuel Lago González
Manuel Lago González naceu en Tui o 26 de outubro de 1865. Fillo de José Lago Maceira e de Carlota González Fernández, que vivían nun pavillón da finca “das augas”, en Randufe, por estar alí instalados os depósitos para o subministro da cidade, propiedade dos seus parentes, os Maceira, a familia máis adiñeirada de Tui na metade do século XIX. Posteriormente os pais adquiren unha parte do pazo “San José” ou de Vista Alegre, tamén en Randufe, que fora reconstruído por D. Francisco Pérez Escudero.
A formación de Lago González comeza no seminario de Tui, onde ingresa aos trece anos de idade para estudar o bacharelato. Deseguido estuda as carreiras de Humanidades, Filosofía, Teoloxía e Dereito Canónico, e tamén Latín e Grego en Santiago de Compostela. De regreso ao seminario tudense exerceu, nas súas aulas como catedrático de ambas as linguas e impartiu tamén, entre outras materias, Historia Eclesiástica, Arqueoloxía ou Teoloxía Dogmática, exercendo como Secretario de Estudos do Seminario tudense. En 1888 foi ordenado presbítero e en 1893 acadou o doutorado en Teoloxía.
En 1881, aínda como estudante, publica en “El Eco del Miño”, que promovía o seu admirado Antonino Cerviño, os seus primeiros poemas. Entre 1888 e 1896 colaborou asiduamente nas páxinas do xornal católico tudense La Integridad. Nas súas páxinas ocupouse das seccións “Ripios” e “A la menuda”, nas que se amosou como un articulista mordaz que non eludía a polémica e que tentaba harmonizar os ideais do galeguismo rexionalista e do integrismo católico.
Lago González foi, de novo un activo militante dos movementos políticos de herdanza carlista, que tras a súa derrota militar, crean novas expresións políticas como é o caso do Partido Integrista que defende un ideal católico. Naquela altura en Tui había un grupo de sacerdotes cunha sólida formación intelectual e de marcada tendencia integrista, salientando Florencio e Antonino Cerviño, Miguel Vallejo, Juan Macaya, Victoriano Paradis ou o propio Lago, que dinamizan a vida da cidade e abordan numerosas polémicas dende a prensa, un medio de acción política moi en boga daquela. A presenza do bispo Hué Gutiérrez na sede tudense reforzou esta liña. Os xornais “El Eco del Miño” e, dende 1888, “La Integridad” son os voceiros deste grupo. En 1891 ten lugar o famoso episodio da súa expulsión do Salón de Plenos do Concello polo alcalde Hipólito Padín e a súa posterior detención, que provoca unha onda de solidariedade en Tui e na prensa de Galicia, medrando enormemente a súa sona en todo o país.
Cando en 1891 se constituíu a Asociación Regionalista Gallega, presidida por Manuel Murguía, Lago González incorporouse de inmediato á Junta Regionalista de Tui, que aquel mesmo ano organizou os Xogos Florais de Tui. Para este encontro escribiu o discurso “Gabanza da lingua galega”, do que non se conserva copia.
Enfrontado desde 1894 co novo bispo tudense, Valeriano Menéndez Conde, e tras varios incidentes coas autoridades civís locais pola promoción dunha candidatura integrista nas eleccións, en 1896 trasladouse a Lugo, cidade onde exerceu como secretario do bispo lucense, cóengo da catedral e catedrático de hebreo e teoloxía no seu seminario e cidade da que foi nomeado fillo adoptivo. En Lugo publicou “El renacimiento de la escolástica en España” (1902), discurso lido na inauguración do curso 1901-1902 do seminario; e colaborou asemade co padre Baltsar Merino na recollida de plantas nas ribeiras do Miño. Unha delas foi bautizada como Narcisus lagoi na súa honra.
En 1909 foi nomeado bispo de El Burgo de Osma, diocese que dirixiu entre 1910 e 1917, ano no que regresou a Tui como bispo. De volta na casa publicaría a pastoral “El régimen espiritual” e estimulou a recuperación das formas de culto tradicional e populares galegas.
En 1923 foi preconizado arcebispo de Santiago de Compostela, sede da que tomou posesión ao ano seguinte. Facíanse 125 anos desde a última vez que un galego ocupara a sede compostelá e o seu nomeamento foi acollido con entusiasmo polo galeguismo da época. Recibiu as loanzas de persoeiros como Amor Ruibal, Ramón Cabanillas –quen lle dedicou o poema “As pombas do perdón”– e Antón Vilar Ponte, que escribiu para a ocasión o artigo encomiástico “El heredero de Gelmírez y Rajoy”.
Xa en Santiago de Compostela, foi nomeado presidente de honra do acabado de crear Seminario de Estudos Galegos. A cerimonia de recepción contou coa intervención de Castelao, quen leu o discurso titulado “O novo espírito”, e concluíu coas palabras do propio Lago González en defensa da cultura e da lingua galegas.
Membro fundador da RAG, durante os anos en que foi bispo do El Burgo de Osma (Soria) perdeu a súa condición de académico, que recuperou en 1917 ao regresar a Galicia como bispo de Tui. Seis anos despois, en 1923 convertíase no primeiro arcebispo galego de Santiago de Compostela en cento vinte e cinco anos. Nesta nova etapa foi nomeado presidente honorario do Seminario de Estudos Galegos.
Poesía e historia
Como poeta, o relixioso escribiu 62 composicións en galego que se conservaron sobre todo manuscritas. Outras publicáronse en periódicos como La Integridad, El Norte de Galicia, Galicia Diplomática ou Galicia Católica. O seu canon literario galego fórmano autores como Añón, Pondal, Curros, Rosalía ou Lamas Carvajal . Versificador áxil, podía usar rexistros lingüísticos elevados ou máis achegados á oralidade. Nas súas composicións tratou desde temas devotos ata a paisaxe da terra natal, os costumes populares e personaxes históricos e lendarios, como no romance dedicado a Pedro Madruga ou na oda patriótica de estilo pondaliano “O derradeiro celta”. Algunhas das súas pezas foron musicadas polo mestre de capela de Tui, Martínez Posse, e outras, como “Alborada”, “San Campio”, “Fror Nova” e “O neno Xesús” por José Torres Crego.
Afeccionado á historia, en 1882 foi nomeado membro da Academia Mont-Réal de Toulouse. Publicou os seus primeiros traballos neste campo, “Galicia antigua” (1883) e “Las religiones de Galicia” (1896), en El Independiente. Cómpre salientar tamén a súa edición do “Onomástico etimológico de la lengua gallega” (1923) do padre Sarmiento e un artigo sobre a sinatura de Colón, publicado no Boletín da Real Academia Galega.
O académico Xosé Filgueira Valverde, un dos grandes especialistas na súa obra, é autor de “Lago González: biografía y selección de su obra gallega” (1965) e de Escolma de poesías (1973), edición da Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas que foille dedicado no ano 1973.
Ningún comentario:
Publicar un comentario