Carlos Lago, ilustrador tudense, deseñará o cartel das Festas de San Telmo 2025
• O Concello de Tui que está xa inmerso na preparación do programa das festas de San Telmo deste ano 2025
Infogauda / Tui
O ilustrador tudense Carlos Lago será o autor do cartel anunciador das festas de San Telmo 2025.
O Concello de Tui, inmerso xa na preparación do programa festivo deste ano, encargou ao ilustrador tudense o deseño dando continuidade a este iniciativa iniciada o ano pasado con Víctor Aparicio “Coyote” apostar por profesionais tudenses da ilustración e o deseño para crear a imaxe promocional dos festexos patronais.
Carlos Lago (Tui, 1967) é licenciado en Belas Artes pola Universidad de Salamanca. Actualmente traballa como profesor de Educación Plástica no IES Pino Manso, do Porriño. Ten ilustrado libros como “A parte dos anxos” de Emma Pedreira ou “Sibila e a monstruosa festa do Samaín” de Marta Lado Ínsua.
É autor dos videoclips para Depressa a vida passa (Ugia Pedreira e Fred Martins), Soñar (Magín Blanco), Chea de vida, Vida, Desdebuxar e Balada de verán (Guadi Galego), Sempre en Galiza/Galician Lullaby (Uxía e Narf), Camariñas (Nordestinas) e Festa do bosque (Xabier Díaz), entre outros.
O ano pasado realizou a exposición “Resevoir Cans” para o Festival de Canas na que debuxou a meirande parte das persoas premiadas no festival.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, destaca que a encarga deste cartel ao ilustrador tudense busca a promoción dos artistas locais e o coñecemento da súa obra gráfica, ao tempo que enriquece o contido do programa das festas patronais que estarán representadas nunha ilustración representativa da nosa cidade e da capacidade creativa das súas xentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario