A Deputación financiará integramente o saneamento de Entenza, en Salceda de Caselas, cun investimento de 875.000 euros
• O deputado provincial Alejandro Lorenzo percorreu Entenza onde se investirán 700.000 € do Plan Extra e 175.000 € do Plan +Provincia para facer realidade esta actuación, demanda histórica da súa veciñanza
Infogauda / Salceda de Caselas
O deputado provincial Alejandro Lorenzo, visitou hoxe coa alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, Entenza, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra financiará integramente o saneamento da parroquia, cun investimento de 875.000 euros. Farao a través de 700.000 euros do Plan Extra e tamén doutros 175.000 € do Plan +Provincia que se aprobarán este venres en Xunta de Goberno e cos que a Concello de Salceda achegará a aportación municipal para completar a actuación, demanda histórica da veciñanza de Entenza.
Alejandro Lorenzo deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, cos que Salceda de Caselas vai construír colectores nesta zona rural do concello para recoller as augas residuais, que na actualidade carece deste servizo. Beneficiaranse unhas 120 vivendas e é unha das prioridades do concello no actual mandato. Desta maneira, as augas serán conducidas aos colectores do Louro para entregalas na EDAR de Guillarei (Tui). En concreto, executaranse doce tramos de colectores de saneamento en tubaxe de PVC compacto de diámetro 315mm, realizarase a recollida das augas fecais dos núcleos citados ata a conexión coa rede existente, realizarase a conexión ao Colector Interceptor do río Caselas no pozo denominado PR-28 (aliviadoiro de Arantei) e a reposición de gabias en estradas municipais.
"O municipalismo, a escoita activa e o respecto á autonomía municipal é un dos selos deste goberno provincial" asegurou Alejandro Lorenzo quen remarcou que "esta actuación é unha boa mostra disto". O deputado lembrou ademais que o +Provincia 2025 é "o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación" e que, cos novos recursos que se aprobarán este venres levará xa distribuídos preto de 12 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario