6 de mar. de 2025

OIA

Seguridade viaria   

Abel Losada insiste na vulnerabilidade dos peóns e participa na campaña da DXT de reparto de chalecos reflectantes 

O subdelegado visita o municipio de Oia e reparte material da campaña cos peregrinos que realizan o Camiño Portugués pola Costa 

 

Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra, acompañado da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e do capitán do Subsector da Garda Civil de Tráfico, Antonio Piteira, conversaron cos peregrinos, de diversas nacionalidades, que estaban a realizar a etapa dende A Guarda ata Baiona ou Nigrán, e entregáronlles chalecos reflectantes

Fotos: S. do G.



Infogauda / Oia 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou o municipio de Oia para participar na campaña da Dirección Xeral de Tráfico para reforzar a seguridade viaria das persoas que camiñan polas beiras das estradas. Ao pé da PO-552 entre Baiona e A Guarda, unha das estradas máis perigosas segundo as estatísticas de sinistralidade da provincia, repartiu chalecos reflectantes a peregrinos e peregrinas que estaban a realizar o Camiño Portugués a Santiago pola Costa. 

 Losada estivo acompañado da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e do capitán do Subsector da Garda Civil de Tráfico, Antonio Piteira. Durante a mañá conversaron tamén cos peregrinos, de diversas nacionalidades, que estaban a realizar a etapa dende A Guarda ata Baiona ou Nigrán. 

 No ano 2024 houbo 3 atropelos mortais na provincia de Pontevedra (o 21% dos peóns atropelados en Galicia) e no ano anterior foron 7 as persoas que perderon a vida nas estradas provinciais mentres camiñaban por vías de comunicación. O subdelegado do Goberno recordou que non debemos esquecer nunca que os peóns, xunto cos motoristas e os ciclistas son colectivos vulnerables. 

 “Ao longo do ano celebramos campañas de seguridade viaria para non baixar a garda e seguir concienciando da necesidade de respectar as normas e manter a prudencia cando utilizamos as estradas e os peóns son un colectivo moi sensible”, afirmou o subdelegado, quen destacou que a PO-552 é un “punto sensible” porque por ela circulan moitas persoas e tamén pasan moitos ciclistas. 

 O subdelegado remarcou que os tres peóns falecidos nas estradas provinciais durante o ano pasado pereceron en circunstancias perfectamente evitables, dado que as mortes producíronse na N-640, no concello de Agolada, cando unha muller de 37 anos irrompeu na calzada circulando de noite e con roupa escura; na VG-20 cando outra muller de 48 anos cruzaba esta autovía e, finalmente, nun acceso á autoestrada AP-9, en Redondela, cando un home circulaba pola calzada noutra zona prohibida. 

 A Lei de Tráfico obriga a que, fóra de poboado entre a posta e a saída do sol, ou en condicións meteorolóxicas adversas que diminúan a visibilidade, é obrigado vestir prendas autorreflectantes e mesmo portar elementos luminosos, que deben ser brancos ou amarelos na parte de diante e vermellos na traseira. Tamén o Real Decreto 1407/1992, de 20 de novembro regula as condicións para a comercialización e libre circulación intracomunitaria dos equipos de protección individual, para que sexan visibles a unha distancia mínima de 150 metros para os condutores que se aproximen. 

 Os estudos de accidentabilidade poñen de manifesto que a partir de 80 Km/h é practicamente imposible que un peón se salve nun atropelo, mentres que a 30 Km/h o risco estatístico de morte redúcese ao 5% e a 50 Km/h sería dun 50%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario