Un calcetín, moita imaxinación e un monicreque único nunha nova cita cos Venres Rebuldeiros
• O Concello abre a inscrición para participar no obradoiro de monicreques de calcetín que se celebrará o vindeiro 28 de marzo ás 18.00 horas na biblioteca municipal
• De balde con inscrición previa chamando ao 986 625 000
Infogauda / O Rosal
Os calcetíns non son só para os pés no Rosal. O Concello abre o prazo de inscrición para participar nun novo obradoiro dos Venres Rebuldeiros, un taller de monicreques de calcetín co que a cativada poderá crear o seu propio personaxe con material de uso diario e moita imaxinación. O obradoiro será o vindeiro 28 de marzo ás 18.00 h na biblioteca municipal e conta con prazas limitadas, polo que será necesaria inscrición previa chamando ao 986 625 000.
A actividade, desenvolvida por Galitoon, permitirá aos nenos e nenas participantes dar renda solta á súa creatividade para crear o seu propio monicreque, un compañeiro de xogos único co que poder inventar e representar milleiros de historias. O obradoiro será de balde e non será necesario levar ningún material, todo estará incluído na inscrición.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a todas as familias a participar nesta actividade “que une xogo e imaxinación co fomento da lectura e da narración oral. Queremos que os nosos pequenos e pequenas gocen do pracer de crear e contar historias dun xeito lúdico e entretido”.
Os Venres Rebuldeiros forman parte do programa ‘Ler conta moito’, unha iniciativa que busca achegar a lectura á veciñanza dunha forma dinámica e atractiva, a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario