Notas, ritmo e diversión no obradoiro musical dos Venres Rebuldeiros
• Nova sesión este venres 14 de marzo ás 18.00 horas na biblioteca municipal. Actividade de balde para nenos e nenas de máis de 3 anos
Infogauda / O Rosal
O Rosal prepárase para unha tarde chea de ritmo e aprendizaxe. O Concello acolle unha nova cita cos Venres Rebuldeiros, que nesta ocasión transformará a biblioteca municipal nun escenario cheo de notas e sorrisos. Este venres 14 de marzo ás 18.00 horas, a música será a protagonista da man da especialista en pedagoxía musical Fátima Martínez, que impartirá o obradoiro ‘Do, re, mi, fa... SOL!’, unha proposta lúdica e educativa dirixida a nenos e nenas a partir de 3 anos.
A actividade, de balde, busca achegar á cativada ao mundo da música dun xeito desenfadado e divertido. A través de xogos, ritmos e melodías, nenos e nenas familiarizaranse cos conceptos musicais básicos, desenvolverán a súa capacidade auditiva e aprenderán a valorar a música como unha ferramenta de expresión emocional.
Fátima Martínez, encargada de impartir este novo taller, iniciou a súa traxectoria na Agrupación Musical do Rosal con tan só 6 anos e continuou coa súa formación no Conservatorio Profesional de Música de Tui e no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Cunha ampla experiencia no eido pedagóxico, vén de deseñar este obradoiro para espertar o interese pola música nos máis pequenos e pequenas.
Os Venres Rebuldeiros forman parte do programa ‘Ler conta moito’, unha iniciativa que busca achegar a lectura á veciñanza dunha forma dinámica e atractiva, a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario