19 de mar. de 2025

O ROSAL

O Rosal pon rumbo a Madrid para ver ‘De puertas afuera’, unha mostra coa Explanada do Horizonte como unha das protagonistas  

 O Concello organiza unha viaxe gratuíta en autobús para visitar a exposición o vindeiro sábado 29 de marzo, con saída e regreso no mesmo día  

 As persoas interesadas deberán inscribirse no 986 625 000   




Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal organiza unha viaxe gratuíta en autobús a Madrid para visitar o vindeiro sábado 29 de marzo a exposición ‘De puertas afuera’, unha mostra do Ministerio de Axenda Urbana, Vivenda e Arquitectura, que ten a Explanada do Horizonte como unha das súas protagonistas. A exposición reúne dez proxectos de paisaxe de toda España reflexionado sobre o impacto dos espazos públicos dende a ollada das persoas que os habitan, os xestionan e os coidan.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a rosaleiros e rosaleiras a participar nesta experiencia, “unha ocasión única para ver como os proxectos do Rosal traspasan fronteiras e se presentan como exemplo de espazos públicos universais e inclusivos a nivel estatal”. 

 O autobús partirá ás 07.00 horas dende a praza do Calvario e fará varias paradas intermedias ata Arévalo, onde se parará a xantar, cun menú dispoñible por 15 euros aproximadamente, ou a opción de levar comida propia. Tras chegar a Madrid, ás 16.00 horas comezará unha visita guiada pola exposición na Casa de la Arquitectura e estímase que a volta ao Rosal se iniciará ás 19.15 horas. Para maior comodidade, recoméndase levar auga e algo de picar para a viaxe de regreso, aínda que tamén se farán dúas paradas durante a viaxe de volta.  

 As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en participar deberán inscribirse chamando ao 986 625 000 ou de forma presencial no Concello.  

 Comisariada polos arquitectos Ana Amadro, Jaume Prat e Xevi Bayona, a mostra ‘De puertas afuera’ destaca proxectos que transforman o espazo público en lugares de convivencia, accesibilidade e identidade como o da Explanada do Horizonte, que contou con María Fandiño Iglesias como arquitecta responsable. Fanno a través dos retratos da súa veciñanza, de historias e orixes con imaxes e filmacións que ofrecen unha experiencia inmersiva. “É unha oportunidade para que a veciñanza sinta o orgullo de ver como o traballo e esforzo colectivo é recoñecido nunha das máis importantes plataformas de arquitectura e urbanismo do país”, salientou a rexedora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario