7 de mar. de 2025

GOIÁN (TOMIÑO)

O Entroido de Goián na súa 70ª edición, convértese nunha “Festa Sostible” de Galicia Suroeste 

 É a primeira festa certificada no 2025, e continuará a dar pasos no seu compromiso coa sostibilidade nas vindeiras edicións 

•  O esforzo conxunto da Comisión do Entroido de Goián e do Concello de Tomiño


Goián (Tomiño) vén de acoller con gran éxito a 70ª edición do seu tradicional Entroido
Foto: C.T.

Infogauda / Goián (Tomiño) 

 Goián (Tomiño) vén de acoller con gran éxito a 70ª edición do seu tradicional Entroido, que este ano deu un paso máis ao converterse nunha auténtica Festa Sostible. Esta celebración, de fonda tradición na localidade, logrou manter o seu carácter festivo e cultural ao tempo que apostou por un modelo de evento máis respectuoso co medio ambiente.  

 Nesta edición, a festa implantou con éxito a guía de certificación de Festa Sostible de Galicia Suroeste. Implantaron concretamente accións como, a recollida separada dos residuos, garantindo unha xestión ambiental exemplar. Para facilitar a separación de residuos a todas as persoas asistentes, instaláronse illas de reciclaxe dentro da carpa da festa, permitindo unha xestión máis eficiente e cómoda para o público.  

 Un dos maiores logros foi a consecución de residuo orgánico 0, grazas a un sistema innovador no que os biorresiduos foron destinados a diferentes usos: unha parte foi aproveitada como alimento para animais en varias casas da contorna; mentres que o restante foi xestionado nun composteiro comunitario. Este esforzo evitou que os refugallos orgánicos acabasen en vertedoiros, promovendo un ciclo de aproveitamento sostible.  

 Ademais, eliminouse por completo o uso de plásticos dun só uso, reducindo significativamente a pegada ecolóxica do evento. Tamén se habilitou un punto de auga accesible gratuíta para o público, minimizando a necesidade de envases desbotables e fomentando o consumo responsable.  

 A transformación sostible do Entroido de Goián foi posible grazas ao esforzo conxunto da Comisión do Entroido de Goián e do Concello, que traballaron para que a festa fose máis respectuosa co medio ambiente, sen perder a súa esencia e identidade cultural.  

 No marco da festa, ademais da programación habitual, levouse a cabo unha formación específica de implantación da guía de sostibilidade de Galicia Suroeste para as persoas organizadoras e colaboradoras, co obxectivo de mellorar a xestión sostible nas vindeiras edicións. Esta sesión permitiu afondar en aspectos clave como a redución de residuos, a xestión dos materiais utilizados e a implicación da comunidade nun modelo de evento máis sostible.  

 O éxito do Entroido Sostible de Goián é un exemplo de que é posible gozar da cultura e da gastronomía dun xeito sostible.  

 A iniciativa “Festa Sostible” enmárcase dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – Next Generation EU. O obxectivo é minimizar o impacto ambiental das festas mediante a correcta xestión de residuos, a promoción de produtos locais e ecolóxicos e a incorporación de boas prácticas sostibles na organización dos eventos. A implantación do proxecto no territorio, é unha aposta por transformar as festas en eventos sostibles, avanzar no compromiso ambiental e na loita contra o cambio climático, apoiar o mantemento e divulgación das tradicións, do patrimonio e da cultura, e reforzar a creación de produtos turísticos sostibles e de calidade.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario