7 de mar. de 2025

GALIZA

A CIG conmemora o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, con mobilizacións nas sete cidades e Vilagarcía 


A CIG chama a conmemorar o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, con mobilizacións nas sete cidades e Vilagarcía
Foto: CIG


Infogauda / Galiza 

 A CIG chama a conmemorar o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, con mobilizacións nas sete cidades e Vilagarcía para reivindicar “traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos”. Nesta xornada lembramos as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972, durante as que foron asasinados en Ferrol pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla.  

 Unhas loitas por mellores condicións laborais e por defender o dereito á negociación colectiva en Galiza que comezaron en Ferrol no mes de marzo e, que meses despois, se estenderon a Vigo. 

Horas e lugares das mobilizacións 

Ferrol (actos centrais): ás 12h, ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, realizará as declaracións aos medios de comunicación antes do acto da ofrenda, ás 11:50h. Ás 20h, farase manifestación con saída do local sindical na Avda. do Esteiro até O Cantón. 

A Coruña: 20h, Praza de Vigo. 

Compostela: 19:30h, Praza Roxa. 

Lugo: 20h, Edificio Sindical (Ronda da Muralla). 

Ourense: 20h, Edificio Sindical (Parque San Lázaro). 

Pontevedra: 20h, Praza da Peregrina. 

Vilagarcía: 20h, Casa do Mar. 

Vigo: 19h, A Dobrada.  

Enfrontar o empobrecemento e a precariedade 

 O eixo destas mobilizacións, ao igual que as mobilizacións que a CIG convoca co gallo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, é a campaña de 12 medidas que a central ten en marcha para enfrontar a precariedade laboral, o empobrecemento da clase traballadora, rematar coas desigualdades de xénero e a fenda salarial, garantir a creación de emprego de calidade e a protección social. 

 Entre outras propostas, a CIG demanda o estabelecemento do SMI nos 1.320,04€ para o ano 2025 (acadando así o 60% do salario medio do Estado español que marca a Carta Social Europea); a redución da xornada laboral ás 35 horas semanais (co obxectivo de acadar a xornada de catro días a 32 horas); implantar sistemas efectivos de control para que os plans de igualdade non sexan papel mollado; ou a posta en marcha dun plan de galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno. 

 Ter traballo non implica acceder a dereitos básicos como a alimentación e a vivenda, nomeadamente entre a xente nova e as mulleres. Esta realidade de precariedade e inestabilidade laboral é o resultado das reformas laborais aprobadas polos gobernos, que utilizan o diálogo social para branquealas. Unha concertación social "onde a patronal ten garantida a súa axenda e onde CCOO e UGT desempeñan un papel entregado á desmobilización". 

 Na Galiza, o impacto negativo de todo isto multiplícase polo Goberno do PP, que aproveita estas políticas españolas para levalas máis lonxe. Con formas antidemocráticas e autoritarias impón un deseño ao servizo das grandes corporacións empresariais que veñen espoliar os nosos recursos, mentres agonizan máis sectores produtivos e avanza a desertización social e industrial, a emigración e o avellentamento da poboación. 

 Nesta realidade, a negociación colectiva ten un papel fundamental para mellorar as condicións de vida da clase obreira. Cómpre reivindicar o dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos, coas solucións máis caídas a nosa realidade laboral, social, industrial económica e demográfica.  

 Recoñecer este dereito é poder democratizar a negociación colectiva ante a permanente centralización en convenios estatais negociados por cúpulas sindicais sen a participación das persoas traballadoras. 

 Por iso, a CIG chama a confrontar esta situación ante os gobernos e ante a patronal desde o convencemento de que as políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego non son concesión bondadosa dos gobernos nin nacen do diálogo social, senón que os dereitos hai que conquistalos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario