Luis López salienta que o Plan +Provincia da Deputación mobiliza esta semana máis de 1,8 millóns euros para que nove concellos impulsen investimentos e contraten persoal
• Estes novos recursos beneficiarán Baiona, Bueu, Crecente, A Estrada, A Guarda, Marín, Poio, Ponte Caldelas e Soutomaior
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar máis de 1,8 millóns de euros para que nove concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten a 79 persoas ao abeiro da primeira e a terceira liña do Plan +Provincia 2025. En concreto, son Baiona, Bueu, Crecente, A Estrada, A Guarda, Marín, Poio, Ponte Caldelas e Soutomaior. O presidente provincial, Luis López, asegurou que o goberno provincial segue “tendendo pontes cos concellos e avanzando no reparto de fondos do Plan +Provincia: cos da semana pasada son xa 4,2 millóns de euros os recursos aprobados este ano para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes ao abeiro do plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación”.
Desta maneira, na liña 1, de investimentos, aprobouse un millón de euros para A Guarda, Baiona, Marín e Poio. En concreto, A Guarda recibirá 99.624 euros para a reforma de cubertas na antiga Casa do Concello; Baiona 227.195 € para as obras de mellora no pavillón CEIP Fontes-Baiña, obra que ten un orzamento total de 513.961 € e que conta tamén cunha achega de 96.628 € do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas; Marín con 356.488 € para o mantemento do firme en camiños do concello e Poio con 255.985 € para o acondicionamento do firme e a creación dun carril bici e dunha senda peonil en Chancelas-Combarro.
Ademais, no marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno aprobou preto de 900.000 euros para que os concellos da Estrada, A Guarda, Bueu, Crecente, Ponte Caldelas e Soutomaior poidan contratar a 79 persoas desempregadas. Deste xeito, A Estrada recibirá 215.922 € para contratar a 12 persoas desempregadas como albaneis oficiais (4), peóns forestais (4), electricistas-axudantes (2), conserxe (1) e auxiliar de biblioteca (1); A Guarda 143.244 € para que 10 persoas desenvolvan tarefas de peóns limpadores (9) e ordenanza (1); Bueu 179.302 para contratar a 13 persoas que cubran os postos de peóns de desbroces (4), peóns de limpeza (2), oficiais de albanelería (2), oficiais electricistas (2), oficial de carpintería (1), oficial de fontanería (1) e administrativo (1); Crecente recibirá 95.302 € que lle permitirán contratar 7 traballadores e traballadoras para os postos de peón de obras públicas (3), condutor de camión xeral (1), condutor de maquinaria pesada (1), limpador (1) e auxiliar administrativo (1); Ponte Caldelas 124.473 € para 18 persoas como traballadores en conservación de parques urbanos, xardíns históricos e botánicos (14) e operarios de mantemento de rede de sumidoiro (4), e Soutomaior recibirá 118.592 € cos que poderá contratar a 19 traballadores para cubrir os postos de peón forestal (10), varredor (4), albanel oficial 1º (3), auxiliar administrativo (1) e auxiliar de biblioteca (1).
Ningún comentario:
Publicar un comentario