28 de feb. de 2025

O ROSAL

Primavera cultural no Rosal  

O concello énchese de dinamismo e vida, cunha vintena de festas, cultura, deporte e lecer para todos os públicos   




Infogauda / O Rosal

 O Rosal agarda á primavera cunha axenda repleta de eventos que recollen a vitalidade dos seus barrios e parroquias. Con case unha vintena de actividades, marzo e abril chegan cunha morea de festas populares que enchen de vida todos os recunchos do municipio cunha programación que vai dende o Entroido de Fornelos e Novás que comeza esta mesma fin de semana ata a Festa de san Gregorio o 8 e 9 de marzo, o san Xosé de Novás do 16 de marzo ou as Festas de Sanxián o 26 e 27 de abril.  

 “Este ano as festas tradicionais e populares cobran máis forza que nunca e dende o Concello colaboramos activamente con todas elas apoiándoas coas actuacións de grupos rosaleiros ou da comarca, dando así pulo aos grupos locais e dinamizando a nosa cultura”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Marzo converterase de novo no mes da muller con actividades arredor do 8M, como un innovador roteiro guiado que permitirá a todas e todos os participantes descubrir a figura de mulleres que foron clave no desenvolvemento do Rosal, visibilizando o seu papel na historia. Será o 8 de marzo, data na que tamén haberá unha concentración co gallo do Día Internacional da Muller na praza do Calvario.  

 Como recordou a rexedora, "queremos que as xentes de O Rosal e os visitantes poidan descubrir e valorar a historia que nos fixeron ser quen somos hoxe, en especial as mulleres que marcaron a diferenza nas diferentes épocas". Para continuar revolucionando mentes os Cafés en Igualdade continúan o 27 de marzo para abordar por que os coidados recaen sempre nas mulleres e o 24 de abril para falar do envellecemento. Tamén repite o programa Venres Rebuldeiros con tres novas citas o 14 e 28 de marzo e o 11 de abril, e o 15 de marzo o público poderá desfrutar do agardado Concerto de Primavera, da Banda da Agrupación Musical do Rosal.  

 A actividade cultural tamén xirará ao redor da consolidación da III Feira do Libro de Segunda Man, un encontro que aposta por dar unha nova vida aos libros e potenciar a reciclaxe e que celebra a súa terceira edición o 26 de abril tras o grande éxito acadado en anos anteriores. Compartindo os mesmos principios de reutilizar, chega tamén unha nova edición do Mercadiño Infantil de Troco, da Asociación Xoaninhas o 16 de marzo, un espazo no que compartir e dar unha nova vida a todos os xoguetes, roupa, obxectos... para traer todo o que non usas e levar o que precises.  

 Ademais, as entidades deportivas do municipio traen eventos de grande interese e de moi diferente índole, como unha nova edición do Orballo Fest, do Valinox Novás, que o 12 de abril combinará música e diversión, ou unha nova cita co O Rosal Cup, un torneo transfronteirizo de fútbol infantil organizado pola U.D. Ribera o 18 e 19 de abril. 

 Dous meses cargados de actividade que demostran que nos barrios e parroquias do Rosal hai moita vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario