A Xunta de Galicia recibiu 10 ofertas para executar o treito da autovía Tui-A Guarda, entre o enlace de Areas e a PO-350, cun investimento de 17,8 M€
• Trátase do treito entre o enlace do polígono de Areas, en Tui, e a estrada PO-350 xa en Tomiño, cunha lonxitude de case 4 quilómetros
• A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé o inicio das obras para mediados deste ano e terán un prazo de 24 meses
• Esta infraestrutura é estratéxica para a zona do Baixo Miño, facilitando desprazamentos seguros e eficientes para vehículos lixeiros e para transporte
• A actuación enmárcase no compromiso da Xunta coa ampliación de vías de altas prestacións libres de peaxe en Galicia, aumentando as mesmas un 70% desde o 2009
Infogauda / O Baixo Miño
A Xunta de Galicia vén de recibir 10 ofertas para executar o novo treito da autovía Tui-A Guarda, que conectará o enlace de Areas coa PO-350, cun investimento de 17,8M€.
Estas obras comezarán previsiblemente a mediados deste ano 2025 e constarán dun prazo de execución de 24 meses.
O citado treito unirá o enlace do polígono de Areas en Tui coa estrada autonómica PO-350, xa en Tomiño, cunha lonxitude de case 4 quilómetros.
O tramo contará con dúas calzadas separadas por sentidos de circulación cunha mediana de 2 metros. Cada unha das calzadas terá dous carrís de 3,5 metros de ancho, e disporá de amplas beiravías tanto exterior coma interior.
Trátase dun proxecto que prevé duplicar o paso inferior de acceso ao polígono de Areas.
Ampliarase unha ponte de pedra na PO-350, moi próxima ao enlace da autovía, que a día de hoxe non permite que se crucen dous vehículos pesados. Deste xeito poderá absorber máis facilmente o tráfico.
O Goberno galego continúa avanzando para concluír esta infraestrutura estratéxica para mellorar a mobilidade no Baixo Miño, facilitando uns desprazamentos seguros e eficientes tanto para vehículos lixeiros como para transportistas.
A materialización desta autovía implicará un investimento global de 188M€, incluíndo os treitos xa en servizo, e forma parte do plan da Xunta para seguir ampliando as vías de altas prestacións libres de peaxe en Galicia. Desde 2009, construíronse 220 quilómetros novos deste tipo de vías, o que representa un incremento do 70%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario