BNG urxe o Goberno a garantir a conexión telefónica e internet en toda a Galiza após o apagamento da era cobre
• Carme da Silva pregunta ao Ministro para a Transformación Dixital as previsións do executivo para impulsar o proceso de substitución pola fibra óptica e que “chegue a todas as casas da Galiza”
• Durante a comparecencia de Óscar López no Senado, o BNG demanda solucionar os programas de conexión en zonas transfronteirizas da Galiza con Portugal
Infogauda / Madrid
A senadora do BNG, Carme da Silva, traslada ao Ministro para a Transformación Dixital a necesidade de que o executivo impulse as actuacións necesarias que garantan a conexión telefónica e internet a toda Galiza despois do apagamento da era do cobre. Da Silva urxe o Goberno a desenvolver o procedemento de substitución e a chegada da fibra óptica a todos os fogares galegos. Por outra parte, a senadora nacionalista solicita a atención do Ministerio para resolver, dunha vez por todas, os problemas na conexión nas zonas fronteirizas na Galiza con Portugal.
“Pode que haxa unha cobertura 100% de banda larga no territorio, tal e como dixo vostede, mais non na poboación: hai partes do territorio, no concreto na Galiza, coon vivendas, núcleos de poboación e mesmo parroquias que aínda, a día de hoxe, non teñen acceso á banda larga” sinala a senadora do BNG. Cando se produza o apagamento da era do cobre en 2025, alerta Carme da Silva, estes fogares e estas persoas non terán fibra “porque as operadoras, que fan un cálculo de mercado, non a están levando a todas partes”.
O BNG entende que, de non levar a cabo todas as actuacións necesarias, estaríase a tratar dun “agravio importante” para a poboación galega “ao non poder estar conectados á fibra”. A cidadanía galega ten unha maneira de ocupar e residir o territorio diferente ao resto do Estado mais debe ter os mesmos dereitos que o resto. A solución que se aporta co servizo Conéctate35.es, enfatiza a senadora nacionalista, pode non ser satisfactoria para moitas partes da Galiza.
“O Ministerio ten que garantir que a dixitalización debe ser de abaixo cara arriba e sen deixar ninguén atrás. Polo tanto, Transformación Dixital debe forzar e impulsar as actuacións para que a fibra óptica chegue a todos os fogares, corrixindo o estado actual” sinala a senadora do BNG. Para Carme da Silva tamén é importante dar a coñecer os programas e actuacións previstas: “tanto a persoas usuarias como para administracións locais ou pequenas empresas”.
Resolver os problemas nas zonas fronteirizas
A Galiza, subliña a senadora do BNG, tamén por ser nación fronteiriza con Portugal, vén arrastrando durante moito tempo problemas na conexión. “Parte do territorio e concellos fronteirizos, como Tomiño, quedan sen cobertura directamente mesmo chegando a mudar de forma automática, en moitas ocasións, a operadoras portuguesas cos problemas que iso xera” traslada da Silva.
Carme da Silva avanza ao Ministro que trasladará novas iniciativas para que a súa carteira poida resolver esta cuestión e “pórlle fin a un problema que leva moitos anos existindo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario