23 de xan. de 2025

TURISMO

Ana Ortiz invita desde Fitur 2025 a percorrer o Camiño Portugués da Costa e coñecer “a ruta máxica e a luz que mellor iluminan Vigo” 

A delegada territorial de Vigo e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentaron ‘A maxia do Camiño Portugués da Costa’ no marco de Fitur 2025


A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentaron este xoves ‘A maxia do Camiño Portugués da Costa’ no marco de Fitur 2025
Foto: X.G.

Infogauda / Madrid

 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentaron este xoves ‘A maxia do Camiño Portugués da Costa’ no marco de Fitur 2025 e dentro da programación do espazo de Galicia na feira internacional de turismo que se celebra no IFEMA de Madrid. Os representantes autonómicos destacaron os datos de afluencia de peregrinos o ano pasado da ruta xacobea que comeza en Oporto e pasa por A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán e Vigo.  

 Durante o acto, no que tamén participaron a dinamizadora cultural do Mosteiro de Santa María de Oia, Sarah Barbará, e o directivo da empresa Light House Baiona, Pati Blanco, proxectáronse imaxes das dúas iniciativas para dotar ao percorrido xacobeo con novas instalacións de uso turístico. Trátase da reforma do propio mosteiro e da recuperación do faro de Cabo Silleiro, despois de que o pasado verano xa fose inaugurado o Faro Pequeno na mesma zona.  

 “O Camiño da Costa é máxico pola súa beleza, polo seu patrimonio natural e cultural e pola súa xente”, destacou Ana Ortiz durante a súa intervención. A delegada territorial detallou os datos “espectaculares” que presentou o percorrido no ano 2024. “Os nosos  visitantes quedan abraiados e a mellor proba de que temos algo especial é que o 80 % dos peregrinos son estranxeiros, especialmente alemáns, norteamericanos e italianos”, detallou.  

 O pasado ano, segundo indicou, un total de 75.000 peregrinos retiraron a súa Compostela tras realizar o percorrido do Camiño Portugués da Costa e máis de 11.300 recibiron aloxamento no Albergue Público Juan Manuel López Chaves, situado no histórico barrio do Berbés en Vigo. Ademais, Ana Ortiz lembrou as cifras de gasto económico por peregrinos internacionais que roldan os 150 euros o día. “É a demostración de que o Camiño de Santiago tamén supón riqueza alá por onde pasa”, apuntou.  

Reforzo da capacidade aloxativa e de restauración 

 Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia destacou que as actuacións que se levarán a cabo no Mosteiro de Santa María de Oia e en Cabo Silleiro permitirán incrementar a capacidade aloxativa e de restauración do Camiño Portugués da Costa sumando dous hoteis e tres restaurantes. “Son o exemplo de como dous proxectos tractores supoñen a reconversión de lugares singulares do Camino de Santiago”, sinalou.  

 Concretamente, o Mosteiro de Santa María de Oia acollerá un hotel de 4 estrelas e un restaurante. En Cabo Silleiro, a rehabilitación do Faro Pequeno xa está ao servizo de peregrinos e público en xeral cun novo establecemento de restauración, mentres que no Faro Grande realizaranse obras para que poida acoller un hotel e un restaurante. Xosé Merelles enmarcou as dúas actuacións no Plan Xacobeo Next  Generation  

‘Xa estás en Galicia!’ 

 A Feira Internacional Fitur celébrase desde o mércores 22 de xaneiro ata o domingo 26 no IFEMA de Madrid. Pódese consultar a programación para estes tres días en www.turismo.gal. O expositor da comunidade, situado no pavillón 9, organízase baixo o lema ‘Xa estás en Galicia!’ e quere converterse na porta de entrada á terra para as persoas, profesionais e visitantes, que se acheguen a coñecer as propostas turísticas galegas.  

 Desde o mércores 22 e ata o venres 24, Fitur estará unicamente aberto a profesionais do sector turismo. Ao longo destas tres xornadas, o stand de Galicia acollerá case medio centenar de actividades promocionais, mostras e faladoiros. Haberá citas organizadas por Turismo de Galicia e outros organismos da Xunta, así como propostas das Deputacións, concellos, xeodestinos, consorcios e outras organizacións vinculadas co sector.  

 Sábado 25 e domingo 26 serán os días nos que Fitur se abrirá ao público xeral. Durante a fin de semana, a oferta do espazo de Galicia completarase con distintas demostracións e actuacións en vivo, vinculadas á cultura e a artesanía da terra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario