23 de xan. de 2025

TUI

A Xunta de Galicia prevé rematar en marzo as obras de acondicionamento do treito da antiga N-551 en Tui, nas que inviste un millón de euros 

  Os traballos desenvólvense nun treito de 600 metros da estrada para realizar adaptacións deste viario á nova configuración da circulación tras a execución da conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas

  A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou hoxe os traballos, executados xa en máis dun 90%  


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou hoxe estas obras
Foto: X.G.

Infogauda / Tui

 A Xunta de Galicia prevé rematar en marzo as obras que está a executar nun treito da antiga N-551 en Tui, que teñen como obxectivo realizar adaptacións do viario á nova configuración da circulación tras a execución da conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de  Areas, en funcionamento desde o pasado ano. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou hoxe estas obras, nas que a Administración autonómica inviste 1M€.  

 En concreto, a actuación céntrase nun treito de 600 metros da N-551 dirixidos a mellorar a mobilidade sostible e a seguridade. Entre outras intervencións, elimínase o carril central ao antigo acceso á A-55, que quedou sen uso, habilítanse zonas accesibles de circulación peonil, mellórase o firme e as redes de servizos e habilítanse dúas paradas de autobús, unha en cada marxe da estrada.  

 Ademais, tamén se intervén en viarios municipais do polígono de Areas e da súa contorna que resultaron afectados pola execución das obras da autovía, nos que se executan melloras nos pavimentos e nos servizos, entre outras actuacións. Por outra banda, na A-55 se renova un treito de firme e instálanse pantallas acústicas adicionais.  

 A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas indicou que xa está acordado co Ministerio o cambio de titularidade desta estrada á Administración autonómica, o que permite xa executar esta actuación, “que sabiamos que era unha demanda dos veciños e empresarios do polígono”.  

 Na actualidade, indicou que os traballos están executados en máis dun 90%. “É unha obra que non só reverte na seguridade viaria e na mellora da estrada -sinalou-, senón tamén na mellora da mobilidade peonil, xa que permitiu dotar de beirarrúas as dúas marxes da estrada”.  

 Apuntou que a Axencia Galega de Infraestruturas ten consignados nos orzamentos deste 2025 un total de 265M€ que permitirán incrementar os quilómetros das vías de alta capacidade como é o caso da de Tui-A Guarda, libres de peaxe, así como manter a rede autonómica de estradas nas mellores condicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario