José Manuel Alonso, un campión contra o Párkinson
• O Concello recibe ao subcampión do mundo de tenis de mesa, un exemplo de superación e paixón polo deporte
Infogauda / O Rosal
O Rosal vibra con cada golpe de pa de José Manuel Alonso. Subcampión do mundo de tenis de mesa, pero sobre todo un campión da vida, o deportista rosaleiro foi recibido no Concello pola alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e por membros da corporación municipal nun acto de recoñecemento a este extraordinario logro que acadou a finais do pasado ano no campionato celebrado en Maizières-lès_Metz, en Francia.
O seu título de subcampión mundial non é só froito do talento, senón tamén dun espírito loitador inquebrantable. Diagnosticado de Párkinson con apenas 40 anos, José Manuel non deixou que a enfermidade frease o seu camiño. Pola contra, converteu o tenis de mesa nunha ferramenta terapéutica para combater os efectos da enfermidade, redescubrindo un deporte que xa practicaba na súa infancia. Nunca imaxinou que esa paixón polo tenis de mesa o levaría ata un mundial.
A rexedora destacou a valentía e o compromiso de José Manuel non só co deporte, senón tamén coa visibilidade desta enfermidade. “É un orgullo para O Rosal contar cun veciño como José Manuel, un exemplo de forza, superación e constancia. Por iso dende o Concello queremos agradecerlle todo o seu traballo, que permite levar o nome do noso municipio ao máis alto”, recalcou.
Agora o deportista xa ten a mirada posta no vindeiro gran reto: o Campionato de España 2025, que se celebrará en abril e no que participará para seguir demostrando que o tenis de mesa é máis que un deporte, é unha terapia e unha forma de vida. José Manuel anima a outras persoas con Párkinson a iniciarse nesta disciplina con moitos beneficios físicos e cognitivos para as persoas doentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario