César Pazos Carrero presentará seus libros La Comunidad de las Naciones e La Corona de la Alianza
• O venres, día 7 de febreiro, ás 20:00 horas, no Centro Cultural de A Guarda
Infogauda / A Guarda
Dentro duns días, concretamente o venres día 7 de febreiro, ás 20:00 horas, no salón de actos do Centro Cultural de A Guarda, teremos oportunidade de asistir á presentación de dous libros - La Comunidad de las Naciones e La Corona de la Alianza - da autoría de César Pazos Carrero.
O acto contará coa participación de Roberto José Álvarez Carrero, alcalde de A Guarda; mailo acompañamento dos gaiteiros Ramón Pazos e Raquel Castro - "Airiños da Fervenza" - e do grupo de gaitas A Boalleira, da Asociación Cultural O Percamino, de A Gándara (Salcidos), A Guarda.
“La Comunidad de las Naciones” foi presentado en New York
O 14 de maio de 2022, no Centro Cultural Barco de Papel, en 4003 80th St, Queens, New York 11373, realizouse o lanzamento do libro “La Comunidad de las Naciones” de César Pazos Carrero. O libro é un suspense histórico e distópico que transita do século I a.C. ao século XXI, escrito por César Pazos (Vigo) e publicado pola Editorial Nubeiro Tales´ Origin, cuxa imaxe de portada foi realizada pola artista madrileña María Groucho.
Asemade, “La Comunidad de las Naciones” é un romance dramático, unha obra bélica, controvertida, que quizais levante certa polémica en España, Euskadi, Catalunya e en Galicia, e porque non, na actual Europa. Unha historia épica e apocalíptica que traslada unha mensaxe de esperanza de fronte ao futuro, ante os retos dunha Europa convulsa e desorientada que pon en perigo a supervivencia do proxecto común europeo.
Contextualízase no ano 2080, pero todo comeza moito antes, case na noite dos tempos célticos, no ano 26 a.C. Nos albores unha heroica batalla no Noroeste atlántico da península Ibérica, no territorio chamado Gallaecia, onde os lexionarios de Publio Carisio asedian a maxestosa e próspera cidade celta dos galaicos situada no cume da mítica montaña do Medulio. Un pobo que, tras cen anos loitando pola súa liberdade, enfróntase nunha última ofensiva contra a escravitude e a desaparición do seu mundo. Pero as consecuencias daquela gran contenda terán o seu eco no futuro, sobre os descendentes dos galaicos e os celtas, sobre o pobo galego e europeo.
La Corona de la Alianza
Na obra La Corona de la Alianza, o lector mergúllase en dous choques de civilizacións; un no pasado entre Roma e o mundo celta, marcado pola destrución e o espolio, e outro nun futuro próximo entre Occidente e o Islam. Con todo, este último enfrontamento dáse nun contexto de ameazas climáticas que levan ao planeta ao límite do colapso, sen importar as afiliacións dos bandos. A narrativa entrelaza o pasado e o futuro, convidando a reflexionar sobre as leccións que podemos aprender da historia e como enfrontamos os desafíos vindeiros.
No ano 2080, en Europa os supremacistas brancos e o islam reclaman o poder para donimar o vello continente. Do mesmo xeito que na antiga Roma, as novas tiranías emerxentes, como The Faction liderada por Othman Nungeser e Hazim Samit á fronte de Eurabia, loitarán polo poder nunha guerra sen cuartel que comezará no Reino de España como un ensaio previo para dominar Europa poñendo en risco a solución ao clima; ignorando así ao seu principal inimigo.
La Corona de la Alianza é tamén a historia de romances dramáticos vividos en épocas distantes que nos mostran a destrución dos seus mundos. Romances que nos descubrirán sociedades con valores diferentes e desafíos comúns, conflitos que se trasladan do pasado ao futuro desde onde buscarán a solución redescubriendo os valores perdidos dos nosos devanceiros para achar as solucións aos grandes desafíos do futuro, onde o odio cabalgará a lombos do supremacismo irracional, cego ao verdadeiro problema do ser humano na súa viaxe polo devir da historia. A historia convértese nun berro ao presente para adiantarnos á traizón da raza humana.
No ano 2080, Leonor de Borbón lembra o apaixonado romance de Gerard Domèch, e revíveo a través de Elena Cueto e o republicano galego, Breixo Portela. Á vez que Leonor enfróntase á ameaza do cambio climático e á soberanía de nacións como Euskadi, Galicia ou Cataluña. Neste contexto viviremos as tensións, conspiracións e pactos impulsados polo odio e o amor.
César Pazos Carrero
César Pazos formouse durante tres anos na antiga Escola de Negocios Caixanova, hoxe coñecida como Escola de Negocios Afundación (IESIDE).
Actualmente César Pazos, leva a dirección de márketing dunha empresa tecnolóxica galega - con sede en O Porriño - dentro do sector da construción que opera en toda Europa. Participou como director de Publicidade no histórico xornal galego A Nosa Terra e colaborou, como coordinador desde Galicia, no proxecto de alpinismo Desafío 8000. Un reto deportivo que alcanzou o maior número de cumes máis de 8.000 metros no Himalaya, nun só ano.
A iniciativa de César Pazos tamén o levou a participar en mesas redondas como relator ou moderador, abordando temas como o cambio climático e o conflito palestino-israelí. Ademais, escribiu en medios de comunicación e formou parte do equipo do documental “La Muerte Blanca” de National Geographic. En 2002 amotinouse con outros compañeiros para retirar chapapote do Prestige nas illas Cíes, cando estaba prohibido arribar á illa principal, suceso que espertou o interese do xornalista Iñaki Gabilondo quen realizou unha entrevista en directo no seu programa Hoy por hoy da Cadea Ser.
Ningún comentario:
Publicar un comentario