O Rosal vai inaugurar a Oficina da Enerxía para liderar a transición enerxética no municipio
• O acto inaugural será o vindeiro martes 21 de xaneiro ás 20.00 horas, no salón de exposicións do Concello
Infogauda / O Rosal
O Rosal segue a dar pasos firmes no seu compromiso coa sostibilidade e coa innovación. Neste camiño, o Concello convida a toda a veciñanza a participar na inauguración oficial da Oficina da Enerxía, un novo espazo dedicado á promoción dun modelo enerxético máis sostible e participativo. O acto terá lugar o vindeiro martes 21 de xaneiro ás 20.00 horas no Salón de exposicións do Concello.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca que esta iniciativa representa un avance moi importante no modelo de transformación integral do municipio. “O Rosal é un lugar idóneo para a implantación de comunidades enerxéticas pola súa tradición de colaboración social e asociativa. Esta oficina é un paso máis no noso compromiso cun futuro máis sostible, achegando ferramentas prácticas para que a veciñanza e as pequenas empresas poidan ser tamén protagonistas do cambio enerxético”, resaltou.
A Oficina da Enerxía nace co obxectivo de fomentar a participación cidadá e promover a creación de comunidades enerxéticas locais. Ademais, ofrecerá servizos de asesoramento, formación e acompañamento en proxectos relacionados coas enerxías renovables e a eficiencia enerxética.
Unha invitación a toda a veciñanza
Con este acto de inauguración, o Concello busca implicar a toda a comunidade na transición cara a un futuro máis sostible. Durante o evento, presentarase oficialmente o proxecto, os seus obxectivos e as vantaxes que ofrece tanto a nivel ambiental como social e económico.
Durante o acto a alcaldesa do Rosal explicará a importancia desta iniciativa no contexto local e como a oficina se converterá nun referente de transformación enerxética na comarca. Ademais, tamén se dará a coñecer o proxecto EC4RURAL, liderado pola Universidade de Vigo e no que participa o Concello rosaleiro.
Este evento converterase nunha oportunidade única para que os veciños e veciñas coñezan de primeira man o proxecto e as iniciativas dispoñibles. Ademais, será un espazo de intercambio e participación onde todas e todos os asistentes poderán achegar ideas e resolver dúbidas sobre a transición enerxética.
Ningún comentario:
Publicar un comentario