16 de xan. de 2025

DEPORTES

REMO

A Regata Miño Internacional baterá record de participación con 300 deportistas 

 A proba, que se celebrará este sábado, 18 de xaneiro de 2025, forma parte do calendario internacional  


Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o director deportivo da FGAR, Juan Zunzunegui; o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González; a secretaria do club, Áurea Gil; e o comandante Naval do Miño, Andrés Díaz-Ripoll
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 A 44ª Regata Miño Internacional baterá este sábado, 18 de xaneiro, récord de participación ao contar coa presenza de  300 deportistas de pertencentes a 22 clubs dos que 12 serán portugueses e 10 españois. É a primeira vez que esta proba deportiva forma parte amais do calendario internacional de remo.  

 A regata consta de 6 quilómetros en augas do río Miño entre Currás (Tomiño), e Tui. A liña de meta estará situada fronte ás gradas da rúa Olímpicos Tudenses. As saídas serán en tandas de cinco barcos cada cinco minutos dende ás 11.50 h. A entrega de premios está prevista para ás 13 h.  

 Este mediodía na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o director deportivo da FGAR, Juan Zunzunegui; o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González; a secretaria do club, Áurea Gil; e o comandante Naval do Miño, Andrés Díaz-Ripoll.  

 Manuel Ángel González, presidente do Club Remo do Miño, organizador da regata, destacou a alta participación que se acadará nesta edición xa que na categoría de Catro Scull Masculino competirán 15 barcos; en Catro Scull Feminino 8 barcos; en Oito 10 barcos masculinos, 8 femininos, e 7 veteranos, o que brindará un gran espectáculo deportivo en augas do Miño.   

 O director deportivo da Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui, destacou as excelentes condicións que Tui presenta para a práctica do remo tanto para regatas coma para concentración, sinalando que o mesmo sábado á tarde se concentrará en Tui a Selección Galega absoluta de remo. Juan Zunzunegui sinalou amais o alto nivel que haberá na proba coa participación dos mellores deportistas, entre eles diplomas olímpicos. Tivo tamén palabras de recoñecemento para o bo traballo que neste deporte se está a realizar en Tui.   

 O comandante Naval do Miño, Andrés Díaz-Ripoll destacou coma a Comandancia Naval se encargará de dar seguridade a este evento deportivo.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou coma “a inclusión desta proba no calendario internacional nos vai dar a posibilidade de acceder a fondos do PERTE Deportivo que financia o Consello Superior de Deportes, para ampliar o centro interfederado, cuxo proxecto xa está redactado”. Felicitou ao Club Remo do Miño por “ conseguir este fito importante, como é a internacionalización desta proba, que sin ningunha dúbida vai a significar incluso unha maior posta en valor da realización da mesma”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario