2 de xan. de 2025

CULTURA

A Deputación de Pontevedra organiza este sábado na Lama e en Oia, dous novos concertos do ciclo provincial Entradiñas de Aninovo 

 Dania Diva (na Lama), e o dúo formado por Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro (en Oia), ofrecerán dúas actuacións como parte do programa que está a levar aos concellos da provincia un repertorio musical de Nadal para desfrutar en familia 

  

O dúo de Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa, actuarán este sábado en Oia
Fotos: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A  Deputación de Pontevedra continuará este sábado 4 de xaneiro na Lama, e en Oia, respectivamente, co calendario de concerto do ciclo provincial Entradiñas de Aninovo. Este programa, formado por 17 concertos, está a levar a distintos espazos culturais e patrimoniais dos concellos da provincia un repertorio clásico, tradicional e popular para desfrutar do Nadal en familia, ao longo do territorio provincial desde mediados de decembro ata mediados de xaneiro. As actuacións deste sábado estarán ofrecidas por Dania Diva na Lama e polo dúo de Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa en Oia.  


A soprano cubana Dania Diva actuará na igrexa de San Salvador, da Lama 

 Dania Diva actuará na igrexa de San Salvador da Lama ás 19:00 horas. A soprano cubana presenta o seu concerto “Luce dell'aria”, unha homenaxe a diversos compositores clásicos e modernos nun repertorio operístico. A soprano afincada en Galicia puxo en marcha xunto co mestre de canto José Pérez Pérez unha serie de proxectos culturais de desenvolvemento de novas e novos intérpretes, como a Asociación de Artistas Vocálitis ou o grupo de concertos Soño de Calíope. É licenciada na especialidade de Educación Artística e graduada en Canto e conta cunha ampla formación artística ligada ao teatro comunitario e á danza contemporánea, alternando co seu traballo como profesora. 

Actuación na igrexa de Santa María de Oia 

 Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro presentarán na igrexa do mosteiro de Oia ás 20:00 horas o seu espectáculo “Cánticos de Luz e Nadal”. Neste espectáculo poético e musical, que é ademais a súa primeira vez xuntos neste ámbito, levan panxoliñas e textos de Nadal ás igrexas da provincia de Pontevedra para recuperar o Nadal no seu sentido primixenio: un tempo de alegría. A actuación será un festexo do gozo, pero tamén un modo de sentir o Nadal intimamente.  

 O ciclo Entradiñas de Aninovo é unha actividade posta en marcha pola Deputación de Pontevedra por vez primeira este ano. Cun orzamento de 60.000 euros, súmase ás actividades programadas no Castelo de Soutomaior (visitas teatralizadas, un videomapping e sesións de contacontos) e no Museo de Pontevedra (exposicións temáticas, obradoiros infantís a actuacións musicais). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario