21 de xan. de 2025

BAIONA

Xunta de Galicia e Concello de Baiona asinan o convenio para completar a humanización da travesía interior de Sabarís, que mellorará os espazos peonís da contorna urbana, cun investimento de 1,8 M€ 

  A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, vén de rubricar hoxe en San Caetano este acordo co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, para executar as obras

  Trátase de intervir no treito de 1,1 km da rúa Julián Valverde, desde o cruce coa rúa José Pereira Troncoso ata a rotonda da rúa Porta do Sol,  co que se completarán 2 quilómetros de itinerario peonil accesible nesta travesía


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron esta mañá en San Caetano o convenio. Na sinatura deste acordo, estivo tamén a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez
Foto: X.G.

Infogauda / Baiona

 A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron esta mañá en San Caetano o convenio para executar as obras que completarán a humanización da travesía interior de Sabarís, mellorando os espazos peonís da contorna urbana deste municipio. Na sinatura deste acordo, estivo tamén a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.  

 Este acordo, a través do que a Xunta asume o investimento de 1,8M€ nas obras, forma parte da liña de cooperación do Goberno galego cos municipios, neste caso con actuacións de humanización que xogan un papel fundamental para a posta en valor das vilas, favorecendo a súa dinamización social e económica.  

 Tal e como recolle convenio selado hoxe en  Santiago, o convenio inclúe, ademais, o compromiso do Concello de Baiona, de asumir a titularidade da rúa Julián Valverde e a de Porta do Sol, que se corresponden coa travesía do antigo trazado da estrada autonómica PO-553.  

 As obras obxecto do acordo entre a Xunta e a entidade local consistirán na humanización do treito de 1,1 km de lonxitude da rúa Julián Valverde, desde o cruce coa rúa José Pereira Troncoso ata a rotonda da rúa Porta do Sol, completándose deste xeito un itinerario peonil accesible de 2km, ao conectar con tramos xa executados noutro treito desta rúa Julián Valverde, así como na Porta do Sol e en Areas.  

 Esta obra inclúe, ademais, intervencións de xardinería neses espazos peonís, a recuperación da contorna do mercado, a redución dos actuais dous carrís da rúa a un de 3,5 m de ancho, a dotación de prazas de aparcamento e o soterrado do cableado existente de telefonía e subministro eléctrico.  

 Tamén terá especial tratamento a ponte románica situada nesta contorna, zona de paso do Camiño Portugués pola Costa. Ademais dos pavimentos que se habilitarán no camiño de acceso, abordaranse labores de limpeza e unha pequena intervención de restauración de pezas de cantería, controlada por persoal de restauración e arqueoloxía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario