20 de xan. de 2025

A GUARDA

Unha representación do Concello de A Guarda asistiu á presentación da Escola Galega da Auga, da Xunta de Galicia

  Para optimizar os recursos hídricos 

  

Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, nun momento da súa intervención da xornada de presentación oficial da Escola Galega da Auga, da Xunta de Galicia

Foto: X.G.

Infogauda / A Guarda  

  No día de hoxe, o Concello de A Guarda, fixo público que o concelleiro de Medio Ambiente, Óscar Alonso Álvarez, e a técnica de medio ambiente acudiron a Santiago de Compostela á presentación da Escola Galega da Auga, da Xunta de Galicia, que tivo lugar en Santiago de Compostela pasado martes día 14 de xaneiro de 2025.   

 Foi unha xornada moi prometedora e de contido técnico para mellorar así a calidade da xestión integral dos recursos hídricos a nivel local. A través da Escola Galega da Auga recibirase formación para fortalecer a capacidade de análise e toma de decisións no eido da xestión.  

 Tal e como subliñou a  conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, coa creación da Escola da Auga a Xunta dá un paso máis na súa aposta pola profesionalización do sector, en liña co compromiso de Augas de Galicia de ofrecer o seu apoio técnico e económico ás entidades locais para a xestión dos recursos hídricos nos seus respectivos territorios.  

 Neste sentido, Ángeles Vázquez fixo fincapé na complexidade da xestión integral da auga en Galicia, non só pola ampla normativa á que está suxeita senón polas “múltiples fórmulas” que conviven no territorio, con “máis de 5.000 captacións, máis de 900 potabilizadoras e máis de 400 depósitos” xestionados por concellos, consorcios ou mancomunidades, empresas, agrupacións veciñais ou mesmo sistemas privados.  

 Por iso, recordou que en 2022 entrou en vigor a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga co dobre fin de garantir a cobertura “en condicións axeitadas de calidade e cantidade” das necesidades básicas do uso da auga e tamén a protección dos recursos hídricos e os ecosistemas acuáticos e terrestres asociados.

Contido dos cursos 

 A través da Escola da Auga, ofrecerase a posibilidade de mellorar a súa cualificación a técnicos e funcionarios municipais que traballan neste eido así como a persoal de empresas concesionarias de servizos hidráulicos, consultoras e enxeñerías, responsables de garantir o uso sostible, racional e eficiente deste ben natural limitado e moi valioso.  

 Segundo explicou a conselleira, a intención é formar só neste primeiro ano uns 350 profesionais, o que representa preto da metade de todo o persoal relacionado coa xestión da auga que traballa na Comunidade e que se calcula nunhas 700 persoas.  

 A formación, que será teórica e práctica e se impartirá segundo o caso en formato presencial ou telemático, versará sobre temáticas como a xestión integral dos recursos hídricos, a actualización de coñecementos sobre a normativa de augas autonómica, estatal e europea e a busca de solucións sostibles. Desta forma, os participantes poderán enfrontarse a situacións reais e desenvolver actuacións innovadoras.  

 Deste xeito, fortalecerase a súa capacidade de análise e toma de decisións no eido da xestión; promoverase o intercambio de coñecementos e experiencias sobre posibles problemas e solucións de éxito; potenciarase a súa capacidade de adaptación aos cambios lexislativos e ás novas políticas en materia de augas; e, de forma especial, prepararase ao sector para os retos de adaptación e mitigación do cambio climático.   

 Neste sentido e dada a vulnerabilidade dos recursos hídricos fronte a este fenómeno, un dos grandes retos da futura Escola Galega da Auga será preparar aos participantes para implementar estratexias de resiliencia e mitigación dos riscos asociados ao quecemento global, asegurando así que os futuros xestores e técnicos conten coas ferramentas necesarias para afrontar eventos climáticos extremos e os seus efectos neste eido.

   “Agardamos sacarlle o máximo proveito a estes novos coñecementos, sobre todo, para facer fronte aos retos futuros do sector relacionados coa adaptación e mitigación do cambio climático, indican desde o equipo de Goberno municipal do Concello de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario