28 de dec. de 2024

TUI

Carlos Pérez Antón recibirá a Mención Honorífica Especial do Concello de Tui 

•  O próximo xoves, 2 de xaneiro, ás 18 h no Salón de Plenos da Casa do Concello 


Carlos Pérez Antón
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O Concello de Tui entregará o próximo xoves, 2 de xaneiro, ás 18 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello unha Mención Honorífica Especial a Carlos Pérez Antón - popularmente coñecido como Carlos Fonterosa - en recoñecemento a unha dilatada traxectoria persoal de apoio e promoción da actividade social, comercial e cultural da nosa cidade.    

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que “a concesión desta distinción honorífica resulta un acto de xustiza a quen sempre mantivo un forte compromiso en defensa da nosa cidade participando en numerosas iniciativas que teñen enriquecido a vida tudense, destacando especialmente o seu compromiso en colectivos como o Grupo Filatélico e Numismático de Tui promovendo ata nove selos sobre a nosa cidade que espallaron o seu nome polo mundo adiante”.  

 Carlos Pérez Antón (Tui, 1929) posúe unha alongada traxectoria na nosa cidade, cunha dedicación profesional no ámbito comercial, e unha dilatada participación na vida social da cidade.  

 Destaca a súa dedicación ao coleccionismo filatélico iniciado na súa infancia cando aos oito anos o seu pai obsequiouno cos seus primeiros selos e dende aquela a súa colección foi medrando. Destaca a súa especialización cunha ampla colección dedicada ás diferentes rutas do Camiño de Santiago, con especial referencia ao Camiño Portugués coa que ten participado en numerosas exposicións tanto en España como noutros países recibindo diversos premios e recoñecementos.  Esta afección polos selos levouno a participar, no ano 1966, na fundación do Grupo Filatélico e Numismático de Tui. 

 Desta asociación, na que ten colaborado permanentemente en diversos cargos directivos, foi presidente entre 1966 e 1973; realizou cerca de cincuenta certames filatélicos, logrando que no 2012 o comité de honra estivese presidido polas SSMM os Reis de España. Grazas ao seu labor, publicáronse nove selos sobre Tui -catro de distribución internacional- que recollen imaxes da cidade, da catedral, da ponte internacional ou de San Telmo e Frei Rosendo Salvado e teñen promovido máis de medio centenar de cuños con motivos tudenses que tiveron gran difusión.  

 Participou activamente na creación da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI), constituída en Tui 17 de abril de 1966, cando, a iniciativa súa e de Alfredo Navarro Payá, se reuniron en Tui dez sociedades filatélicas de Galicia e unha do Bierzo e decidiron formar unha federación adscrita á Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI).  

 Foi tenente alcalde do Concello de Tui na época na que gobernaba José Casal Aboy (1965-1969) a finais dos anos setenta, rexedor que lembra como "o alcalde que levantou Tui", e despois con Teodosio Baquero (1969-1973).  

 O seu interese e afección coleccionista exprésase tamén na figura do apóstolo Santiago atesourando máis de 130 figuras do patrón de Galicia e un número moi superior de obxectos relacionados co Camiño Portugués.  

 No ano 2019, ao cumprir 90 anos, foi designado pregoeiro das festas de San Telmo.  

 Participou en numerosas asociacións e institución tudenses como, por exemplo, a Cámara de Comercio da que foi nalgún período, tesoureiro da mesma. Foi un dos promotores, xunto a Ernesto Iglesias Almeida -cronista oficial da cidade- e o investigador José Sánchez de la Rocha, da oficialización da bandeira de Tui.  

 Carlos Pérez Antón salienta polo seu interese e querenza cara a cidade de Tui e as súas xentes expresada nas numerosas iniciativas sociais nas que ten participado ao longo da súa vida, como as comisións de festas de San Telmo, e por numerosos escritos na prensa e noutras publicacións relacionados coa vida e a historia tudense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario