30 de dec. de 2024

TOMIÑO

A Comunidade de Usuarios de Augas de Cristelos mellorou as súas instalacións grazas a unha axuda da Xunta de 12.000 euros 

•  O delegado territorial destacou a importancia de contar cunhas comunidades de usuarios comprometidas e responsables

•  Máis de 100 entidades da área territorial de Pontevedra recibiron un total de máis de 1 millón de euros para mellora das súas instalacións e compra de material


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da Comunidade de Usuarios de Augas de Cristelos
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da Comunidade de Usuarios de Augas de Cristelos, no concello de Tomiño, que recibiu unha axuda de 12.000 euros da Xunta para mellorar as súas instalacións.  

 Estas axudas, xestionadas pola dirección xeral de Administración Local, beneficiaron a máis de 100 entidades na área territorial de Pontevedra, cunha achega total nesta área de máis de un millón de euros entre a liña destinada a obras e a destinada a compra de material. No concello de Tomiño foron 12 as entidades que recibiron un total de máis de 140.000 euros. 

 No caso da comunidade de usuarios de Cristelos o investimento da Xunta permitiu mellorar o illamento de dous casetos que albergan material e maquinaria da comunidade mediante a instalación de paneis sándwich; reparar o interior do caseto que alberga o decantador; e substituír 120 metros de tubaxe no camiño de Vilacoba.  

 Os usuarios que se achegaron esta mañá ata a zona de actuación coincidiron na necesidade de contar con este tipo de axudas que permiten realizar o mantemento das instalacións da entidade.  

 Neste sentido, o delegado territorial puxo en valor a importancia de contar cunhas “comunidades de usuarios responsables e comprometidas que ofrezan un servizo de calidade a toda a veciñanza”.  

 Ademais, Reguera felicitou á dirección da comunidade de Cristelos por “realizar un traballo espléndido e de forma completamente voluntaria” e engadiu que “sen persoas que se preocupen polo ben da comunidade de forma desinteresada, sería moito máis difícil para as institucións chegar a todos os galegos e galegas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario