27 de dec. de 2024

TOMIÑO

Tomiño asina un convenio de colaboración para a implantación do novo modelo de xestión de residuos 

  O municipio terá acceso a “Wayste”, unha plataforma creada pola LIPOR para monitorización da xestión de residuos  


O goberno local asinou na pasada semana un convenio de colaboración coa LIPOR, Associação de Municípios para a Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto
Foto: C.T.
  

Infogauda / Tomiño 

 Tomiño continúa traballando para sacar á licitación o antes posible un novo contrato de xestión de residuos, que permita elevar a eficiencia do sistema de recollida de lixo. Con este obxectivo, o goberno local asinou na pasada semana un convenio de colaboración coa LIPOR, Associação de Municípios para a Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto, unha entidade portuguesa especializada na valorización e tratamento dos residuos urbanos, e responsable da xestión do lixo de 8 municipios lusos, entre eles o de Porto e outros da súa área de influencia; un organismo, fundado en 1982, que trata na actualidade máis de 500.000 toneladas de residuos urbanos producidas por un millón de habitantes da área mencionada. 

 A sinatura deste convenio entre a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente do Consello de Administración de Lipor, José Manuel Ribeiro, permitirá a Tomiño utilizar unha plataforma (Wayste) tecnolóxica e innovadora, que acompañe e monitorice o proceso de implementación no noso municipio dun sistema de recollida selectiva porta a porta de residuos urbanos. “Esta ferramenta permitiranos, ademais de elevar a eficiencia do sistema de recollida e a valorización dos residuos xerados, así como ter datos que nos indiquen o nivel de cumprimento dos obxectivos de reciclaxe que nos esixen dende Europa, e cos que, estamos comprometidos”, explica a rexedora tomiñesa.  

 Os sistemas de monitorización e de análise da plataforma, permitirán tamén crear perfís de coñecemento da participación dos usuarios e usuarias, co fin de dar resposta ás necesidades destes e coñecer mellor as súas prácticas. Neste sentido, a rexedora salientou a importancia da colaboración con LIPOR “para que o concello poida afrontar os retos ambientais de presente e de futuro, implementando sistemas innovadores que melloren a recollida e o tratamento dos nosos residuos, optimizando o servizo e beneficiando dun xeito claro á nosa veciñanza, para continuar mellorando como un concello máis sostible ambientalmente”.  

 Esta colaboración entre Concello e LIPOR, como explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, “será moi beneficiosa para as dúas partes, xa que o Concello contará cos técnicos da LIPOR, cunha amplísima experiencia neste eido, como asesores para a implantación do novo modelo e a LIPOR demostrará a súa capacidade para desenvolver este modelo noutros municipios”.  

 O novo modelo é un reto para ambas partes asinantes e converterá a Tomiño nun concello pioneiro no cumprimento da lei de residuos, como xa o foi na extensión da compostaxe, grazas ao programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario