16 de dec. de 2024

TUI

Tui incrementará en case 90 mil litros a capacidade de recollida selectiva 

•  Será coa adquisición de novos contedores para illas de reciclaxe que suporán un investimento de 44 mil euros 

Modelos de colectores que o Concello de Tui porá a disposición da cidadanía
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O Concello de Tui reafirma a súa aposta pola reciclaxe e a recollida selectiva do lixo coa adquisición de novos contedores para illas de reciclaxe co que se incrementará en case 90 mil litros a capacidade de recollida selectiva. Grazas á novas unidades que se porán a dispor da cidadanía incrementarase en 28.800 litros a capacidade de recollida de envases lixeiros, 30 mil litros para cartón e 30 mil litros para a recollida de vidro.  

 O Concello vai investir 44.172,26€, recollidos na partida correspondente dos orzamentos municipais de 2024 para a adquisición destes novos colectores. Rematado o proceso de licitación será a empresa galega Formato Verde a encargada de subministrar as novas unidades de colectores.  

 Así foron adquiridos 20 contedores de carga pluma de polietileno retomoldeado, cunha capacidade de 3.000 litros  dos que 10 se destinarán á recollida selectiva de papel e cartón, polo que terán a boca de depósito de cor azul, e outros 10 serán para a recollida de vidro, polo que a boca será de cor verde.   

 Tamén se comprarán 36 novos contedores de carga traseira de polietileno retomoldeado, cunha capacidade de 1.200 litros, de gran resistencia e robustez que contan amais cunha coidada estética. En concreto serán subministrados 24 unidades de tapa amarela para envases e 12 colectores de tapa verde para a recollida da fracción resto - lixo non reciclable –.  Estes contedores contan coa opción de poder instalar un sistema electrónico de apertura/peche mediante tarxeta de identificación RFID ou con sistema de chave prisioneira.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario